O alcalde da Coruña pide á Xunta e ao Estado que aborden á crise do sector lácteo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, reuniuse esta mañá con representantes da Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego. Estes trasladaron ao rexedor as súas preocupacións, baseadas, en grande medida, no ciclo continuo de producción láctea das explotacións por debaixo do prezo dos custes, o que supón o peche de moitas delas. “Amosámoslle toda a nosa solidariedade. Dentro desa campaña de sensibilización nas cidades que están levando a cabo, pensamos que é importante concienciar aos e ás consumidoras de que estamos a pagar polo leite un prezo que moitas veces non repercute no propio productor”, indicou o primeiro edil coruñés. “Nos dixeron que nos últimos meses, algunhas empresas e grandes superficies subiron o prezo do leite, pero os e as produtoras non se viron afectadas por esta suba. Eses céntimos de máis pérdense ao longo da cadea, sen chegar ao inicio da mesma”, indicou, para engadir que “A Coruña non pode ser allea a unha cuestión como esta, de país”.

“Esta é unha cuestión de país, igual de estratéxica para Galicia como é a pesca. Contribúe a fixar xente no territorio, a parar a sangría demográfica e a crear riqueza en todas as cidades a través da transformación, dos postos de traballo indirectos ou empresas lácteas”, explicou. “Creo que é necesario que apoiemos ao sector e que pidamos un esforzo as administracións, particularmente á Xunta de Galicia e ao Estado para que traten o sector lácteo como o que é, un sector estratéxico. Seguramente, se estiveramos falando doutros sectores estratéxicos doutras partes do Estado, si habería ese apoio que aquí non temos”, opinou. 

Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, manifestou ante os medios, que é “imprescindible que a cidadanía coñeza a nosa situación e se desmitifiquen a idea de que nos están a chegar subvencións, porque é falso. Hai miles de granxas que non recibiron ningunha axuda. No acordo que tivo lugar en Madrid este verán, parte das distribuidoras lles subiron o prezo aos consumidores, pero non houbo recuperación de prezos do sector produtivo”.

Obras da Mariña

Por outro lado, e preguntado polas obras da Mariña, que a empresa concesionaria entregará hoxe á Autoridade Portuaria, Ferreiro insistiu en que o Goberno local actuará “como fixo ata o de agora”. “Comprobaremos que a posta en servicio do túnel cumpre todas as garantías, en cuanto á normativa vixente e a cuestións técnicas”, explicou. “No seu momento, o servizo de Bombeiros cuestionou unhas deficiencias técnicas en materia de seguridade e contra incendios. Cremos que esta cuestión é suficientemente relevante como para que se comprobe se a obra está en perfectas condicións”, dixo o alcalde. “As comprobacións pola nosa parte faranse coa máxima celeridade, pero tamén cumprindo con todas as garantías, para que, se todo está correcto, poida abrirse ao público”, rematou.

1 de decembro de 2015 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.