Noriega considera que En Marea ten todo o dereito do mundo a ter grupo propio no Congreso
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, considerou este mércores que En Marea “cumpriu todas as probas con nota” nas eleccións xenerais do pasado domingo e que, por iso, “ten todo o dereito do mundo” a ter grupo propio no Congreso.
Así se pronunciou a cabeza visible de Compostela Aberta a raíz do debate aberto sobre se a coalición debe ou non formar grupo por incluír membros de partidos que xa contan con representación a través de candidaturas propias.
Noriega ten claro que En Marea “sacou o exame con nota” tanto no requisito do 15 por cento de votos en cada provincia coma en obter un mínimo de cinco deputados, engadindo que “hai unha expresión propia” e “de lugar de encontro” que está “claramente recoñecida”.
“Chegado o momento haberá que estudalo”, sinalou, tendo en conta que “a día de hoxe” non sabe se “haberá un goberno” ou se se celebrarán novas eleccións “en meses”, pasando de comicios en comicios durante todo o ano, en alusión ás autonómicas.
Ao respecto, reiterou de novo o seu compromiso coa cidade de Santiago e coa “estabilidade” do mandato e rexeitou totalmente postularse como cabeza dunha posible candidatura para a presidencia da Xunta no próximo exercicio.
“Non mo formulo no plano persoal nin no horizonte”, insistiu o rexedor local, quen asegurou que o seu presente e futuro pasan por “desenvolver a acción de goberno” en Compostela e “darlle esa estabilidade” á cidade tras anos de cambios de alcalde e a necesidade de “recuperar a relación” dos veciños coa institución.
Unha actividade para a que dedicará “tódalas enerxías”, se ben matizou que “isto non quita” que Compostela Aberta “poña capital de cambio” para empurrar un movemento político de renovación na Xunta. “Pero iso vai máis alá das persoas”, insistiu, asegurando estar “absolutamente centrado” en Santiago.











