Música e baile nunha xornada festiva nas escolas infantís do Bosque e da Madalena

Festival de Nadal na escola infantil da Madalena
O venres, 18 de decembro, foi día de festa para os nenos e nenas das Escolas Infantís Municipais do Bosque e A Madalena. Ambas celebraron senllos festivais de Nadal, a primeira en Bertamiráns e a segunda no Milladoiro. Os Reis Magos sacaron tempo para visitar aos nenos e nenas en ambas vilas, para dar remate a dous festivas nos que todos, profesorado, pais e nais, quixeron participar.
O festival de Nadal dos alumnos e alumnas da Madalena tivo lugar na Casa da Cultura do Milladoiro, a partir das 17:00. O alumnado de dous a tres anos foi o encargado de abrir o festival cantando unha panxoliña tradicional de Nadal. Despois deles tocoulles a quenda aos membros do profesorado, que interpretaron a historia de Sota Verde, un coello ao que só lle gustaba comer alimentos de cor verde. Será misión dos animais do bosque convencer ao coelliño de que probe alimentos doutras cores.
Os membros da ANPA tamén participaron no festival cantando unha segunda panxoliña e, para rematar as actuacións, o persoal da escola bailou, todos disfrazados de meigas, unha canción moi coñecida polos pequenos: a Brujita Tapita. Cando as meigas marcharon do escenario fixeron a súa aparición os invitados máis agardados da noite: as Súas Maxestades de Oriente. Outra gran protagonista do Nadal, Papá Noel, xa os visitara un pouco antes no propio centro escolar.
A Escola Infantil Municipal O Bosque abriu as portas do auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns ás 16:30 horas. Nenos e nenas representantes de distintas idades foron os primeiros en subirse ao escenario para contar aos pais e nais da sala un conto de Nadal. A continuación o poliño Cocorico tomoulles o relevo. As profesoras do centro puxéronse os disfraces para contarlles aos nenos e nenas a historia de Cocorico. O poliño, ameazado por un gato, deberá entregarlle a metade dun biscoito que súa nai cociñou para el. Os alumnos divertíronse tratando de adiviñar as mestras que se agochaban baixo cada disfrace.
Pais e nais tamén aportaron o seu gran de area á festa co baile “Polo Nadal”, que prepararon para os alumnos. Entre actuación e actuación un pallaso subía aos nenos e nenas ao escenario, converténdoos en axudantes dos seus trucos de maxia e xogos con globos. Os Reis Magos fixeron unha parada na Casa da Cultura de Bertamiráns, ao rematar a función, para agasallar a nenos e nenas cunha gran bolsa de doces e sacarse fotos cos máis pequenos.











