Mato sinala que o informe da Xunta sobre Ence limítase ao grao de cumprimento ambiental
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, subliñou hoxe que o informe emitido o pasado mes de novembro con respecto á Ence limítase a criterios técnicos e a determinar que a actividade da factoría se axusta a autorización ambiental integrada outorgada pola Xunta en 2008.
Así o explicou hoxe en resposta a unha pregunta parlamentaria sobre este asunto. Segundo detallou a titular do departamento autonómico, a Lei de Costas establece que, á hora de tramitar a prórroga dunha concesión para a ocupación do dominio público marítimo-terrestre para unha factoría que xa teña autorización ambiental integrada (AAI), é preciso que o órgano ambiental da comunidade autónoma emita un informe no que delimite se se están cumprindo ou non os parámetros establecidos nesa AAI.
Por iso, en cumprimento desa normativa, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente en setembro solicitou á Xunta dito informe, que o Goberno autonómico remitiu o 13 de novembro. No mesmo, constátase que Ence respecta os parámetros regulados e aprobados na súa AAI. Isto é, mídense factores como as emisións á atmosfera, o nivel de presión sonora, os vertidos líquidos, a protección do solo e augas subterráneas, ou a xestión e produción de residuos. “Non se emiten, en ningún caso, opinións sobre o futuro de Ence. Non se amosa un informe nin positivo nin negativo, nin se recolle un criterio favorable nin desfavorable”, insistiu Mato.
Ademais, trátase dun documento “determinante, pero non vinculante”, xa que a decisión sobre a prórroga corresponde en exclusiva á Administración Xeral do Estado. Polo tanto, o papel deste departamento autonómico na prórroga de Ence “remata con este trámite, que se realizou co máximo celo na protección do medio ambiente”, concluíu.











