Marea e PSOE aproban as ordenanzas fiscais do Concello da Coruña
A Corporación Municipal da Coruña aprobou, de forma definitiva e cos votos a favor da Marea Atlántica e o PSOE, as ordenanzas fiscais que entrarán en vigor o vindeiro ano. En total, ás ordenanzas fiscais presentáronse 263 alegacións, das cales catro procedían de grupos políticos, tres do BNG e unha do PP, segundo expuxo no pleno a concelleira de Facenda, Eugenia Vieito.
Entre outras, aceptouse a formulada pola Lonxa e a Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible (Fremss), que suporá incorporar bonificacións fiscais de ata o 50% do IBI para actividades vinculadas cos produtos pesqueiros.
Como aconteceu no pleno de novembro, onde se aprobaron de xeito inicial as ordenanzas fiscais, o PP votou en contra e o BNG abstívose.
CRITICAS DA OPOSICIÓN
A edil nacionalista Avia Veira criticou que non se derrogase “a suba da auga aprobada polo PP” e que “non se revise” a taxa polo tratamento de residuos sólidos urbanos.
Dende as filas socialistas, o concelleiro José Manuel García cualificou como “un parche” estas ordenanzas. Así, expuxo que están “lonxe do que o grupo municipal socialista quere para a cidade”, citando, entre outras propostas unha rebaixa da taxa das licenzas de apertura para comercios.
Con todo, manifestou que o PSOE acéptaas por non existir “marxe de manobra”. Ademais, criticou que non se lles chamara para negociar taxas pendentes.
PRÓRROGA DOS PRESUPOSTOS
No caso do PP, a concelleira Rosa Gallego denunciou unha suba de impostos, un “impuestazo” que a concelleira de Facenda, Eugenia Vieito negou. Ademais, acusou á Marea Atlántica de “non escoitar a ninguén” para estas ordenanzas e de “subir”, entre outros, o imposto de vehículos.
Ademais, ao igual que, con noutra quenda de intervencións fixo o concelleiro popular Roberto Coira, criticou a prórroga dos presupostos municipais. “Deixan ás asociacións sen saber se van ter subvencións”, sinalou Rosa Gallego.
Mentres, a edil de Facenda, Eugenia Vieito, manifestou que o imposto de vehículos “bonifica aos menos contaminantes” e incidiu en que, as ordenanzas, “protexen as actividades pesqueiras” e formulan unha “redistribución” da carga fiscal.
“Foron vostedes os que subiron o IBI”, replicou tamén aos populares aos que acusou de “vender” a baixada de impostos en época electoral para logo “subilos”.
Por outra banda, o pleno deu luz verde á ordenanza xeral de recadación, aprobada neste caso cos votos de todos os grupos e a abstención do PSOE.
Despois de que o edil popular Roberto Coira se congratulase porque o goberno local “recupere” un documento do PP, a concelleira de Facenda replicoulle que o seu contido “será mellorado” pola estimación das alegacións do resto dos grupos municipais.











