Marcos Meléndrez presenta no Teatro Colón o seu novo traballo dentro do ciclo Xoves de Música

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendario
A-
A+

O xoves 10 de decembro ás 21:00 horas Marcos Meléndrez Bolero Atlántico presenta o seu novo traballo ‘Mirando al mar’ dentro do ciclo Xoves de Música que patrocinan Super Bock Negra Sin e Gadis.

Marcos Meléndrez, quen fora a voz do grupo de pop latino Los Doré, lidera este proxecto no que se mesturan grandes éxitos e temas menos coñecidos, cunha posta en escena intensa, elegante e intimista. En Bolero Atlántico acompáñano Rubén Barros á guitarra, Miguel Martínez ao contrabaixo e Carlos Meléndrez á percusión. A formación define este traballo como honesto e sincero ‘mezcla de boleros y ritmos latinos, saldremos al escenario sin artificios’, afirma Marcos.

‘Mirando al mar’ é un traballo composto por boleros chegados da outra beira do Atlántico. Temas que falan de amor e desamor, de paixóns que aboian ou afunden entre augas turbulentas, de travesías para corazóns desmentidos e afeitos ao sabor da salitre. Este traballo gravouse e masterizouse na cidade da Coruña durante o 2015 e preséntase no Teatro Colón o xoves 10 de decembro.

As entradas pódense adquirir a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.ataquilla.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na Sede AFundación A Coruña, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado de 9.00 a 21.00 horas. Ademais no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche. 

3 de decembro de 2015 | 13:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.