Manel Loureiro regresa a Bueu este venres para presentar o seu novo libro ‘Fulgor’
A librería Miranda, en colaboración co Concello, volve traer a Bueu a presentación doutro autor galego. Desta volta será Manel Loureiro, escritor pontevedrés recoñecido mundialmente e traducido a múltiples idiomas, quen presentará a súa nova novela Fulgor este venres a partir das 20.30h no Centro Social do Mar.
O libro, ao estilo do misterio e terror de Stephen King, conta a historia de Casandra, unha muller de vida case perfecta ata que sofre un estraño accidente de tráfico que a deixa en coma. Ás poucas semanas, e tras unha recuperación milagrosa, Casandra descobre que todo o seu mundo mudou por completo xa que alguén comezou a vixiar a súa casa e familia, ademais de que sofre unha secuela importante que non é quen de controlar.
Nesta nova novela, Loureiro fará reflexionar aos lectores/as sobre ata onde estaríamos dispostos a chegar para salvar aos achegados, e os sacrificios e límites que poderiamos atravesar.











