publicidade hoxe

Lousame organiza un curso gratuíto para que a veciñanza aprenda a comercializar o que produce na casa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

O Concello de Lousame organiza un curso gratuíto para que os veciños e veciñas aprendan a comercializar os produtos que poden producir nas súas casas. Un curso que comezará a impartirse neste mes de decembro e que está aberto a toda a veciñanza, se ben terán prioridade as mulleres xa que está incluído dentro do Programa de Fomento do Autoemprego das Mulleres, financiado pola Deputación da Coruña. Máis información e inscricións no Concello de Lousame ou no teléfono 981 820 494.

O curso, denominado “Como e onde vender os teus produtos: problemas e propostas”, terá unha duración de 25 horas lectivas, 15 teóricas e 10 prácticas, nas que o alumnado aprenderá a elaborar un plan de empresa para o autoemprego a través da comercialización de produtos ecolóxicos. Deste xeito, o Concello de Lousame culminará a serie de cursos gratuítos sobre agricultura ecolóxica realizados ao longo deste ano e que incluíron fruticultura, castañicultura e avicultura. 

Na fase teórica, o alumnado aprenderá dende como determinar a idea da actividade ata o marco normativo no que se desenvolverá. Ademais, recibirán formación sobre accións promocionais e como comercializar o seu produto. A parte práctica incluirá a realización de dúas dinámicas grupais para analizar as oportunidades e dificultades na venda de produtos ecolóxicos, así como unha visita a unha asociación de produción ecolóxica e a unha asociación de consumo de alimentos ecolóxicos cos que compartir experiencias e problemas.

7 de decembro de 2015 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.