López-Chaves ofrece toda a axuda técnica da Xunta ao acceso ao parking público Álvaro Cunqueiro
Esta mañá, en rolda de prensa e ante a pregunta dos periodistas sobre a reunión mantida entre o Xerente do SERGAS e técnicos da Xunta coa Concellería de urbanismo e técnicos do Concello de Vigo, manifestou a total disposición da Xunta na busca da mellor solución para o acceso deste aparcamento público ao Hospital “Álvaro Cunqueiro”.
Ignacio López-Chaves Castro, despois de recordar que os terreos – onde o Concello anunciou a construción dun aparcamento público e gratuíto-, foran cedidos de forma gratuíta pola Zona Franca de Vigo ao concello, recordou unha vez máis ao alcalde de Vigo que a Xunta de Galicia, a través dos técnicos do SERGAS, ofreceu diferentes alternativas na procura do acceso máis adecuado ao aparcamento do hospital incluíndo a ampliación da rotonda existente.
Con relación aos estacionamentos do “Álvaro Cunqueiro”, López Chaves insistiu en que o compromiso da Xunta de baixar as tarifas do aparcamento xa se cumpriron e que agora é o Concello o que terá que executar a construción dun aparcamento nos terreos cedidos pola Zona Franca, o que prometeu fai máis de catro meses.
O delegado territorial rematou manifestando que “dende a Xunta de Galicia ofrécese toda a axuda necesaria para facilitar a mellor alternativa e por iso espero que o alcalde de Vigo non busque escusas para seguir retrasando a construción do aparcamento que prometeu”,“serán os técnicos os que continúen falando”.











