Josema Yuste protagoniza a comedia Taxi no Teatro Colón
Despois de protagonizar ‘La cena de los idiotas’ o popular actor e cómico Josema Yuste dá vida a un taxista nesta atolada comedia de Ray Cooney. ‘Taxi’ poderá verse no Teatro Colón o venres 11 e o sábado 12 de decembro ás 20:30 horas. O xoves 10 de decembro ás 21:00 horas Marcos Meléndrez Bolero Atlántico presenta o seu novo traballo ‘Mirando al mar’ dentro do ciclo Xoves de Música que patrocinan Super Bock Negra Sin e Gadis.
Josema Yuste asina xunto a Alberto Papa-Fragomén a versión e dirección. No escenario estará acompañado por Alfredo Cernuda, Felisuco, Esther del Prado, Diana Lázaro e Javier Losán. ‘Taxi’ narra a historia dun taxista cunha vida aparentemente anodina, un feliz home casado sumido na monotonía. Pero a medida que avanza a obra dámonos conta que isto é só unha aparencia, en realidade está casado con dúas mulleres e vive con cada unha nun barrio diferente, o que o obriga a levar unha estrita planificación de horarios e a facer verdadeiros xogos de malabares. Pero todo se acaba descubrindo cando, despois dun accidente, o seu nome aparece por duplicado na comisaría de cada distrito.
Unha historia con ton de vodevil para deixarse sorprender e divertirse ‘si mis compañeros y yo nos divertimos haciendo la función, y nos divertimos mucho, el público también lo hará. Esa es mi teoría’ afirma o integrante do sempre recordado dúo Martes y Trece. O seu compañeiro de reparto Felisuco incide tamén no carácter divertido desta comedia ‘es tan divertida y desternillante que cuando me metí en la historia no pude más que sucumbir y claudicar ante ella’.
Continúa o ciclo Xoves de Música co concerto de Marcos Meléndrez
O xoves 10 de decembro ás 21:00 horas Marcos Meléndrez Bolero Atlántico presenta o seu novo traballo ‘Mirando al mar’ dentro do ciclo Xoves de Música que patrocinan Super Bock Negra Sin e Gadis.
Marcos Meléndrez, quen fora a voz do grupo de pop latino Los Doré, lidera este proxecto no que se mesturan grandes éxitos e temas menos coñecidos, cunha posta en escena intensa, elegante e intimista. En Bolero Atlántico acompáñano Rubén Barros á guitarra, Miguel Martínez ao contrabaixo e Carlos Meléndrez á percusión. A formación define este traballo como honesto e sincero ‘mezcla de boleros y ritmos latinos, saldremos al escenario sin artificios’, afirma Marcos.
‘Mirando al mar’ é un traballo composto por boleros chegados da outra beira do Atlántico. Temas que falan de amor e desamor, de paixóns que aboian ou afunden entre augas turbulentas, de travesías para corazóns desmentidos e afeitos ao sabor da salitre. Este traballo gravouse e masterizouse na cidade da Coruña durante o 2015 e preséntase no Teatro Colón o xoves 10 de decembro.
As entradas pódense adquirir a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.ataquilla.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na Sede AFundación A Coruña, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado de 9.00 a 21.00 horas. Ademais no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche.











