Jesús Vázquez visita en Pontevedra as renovadas zonas de espera do servizo de urxencias de Montecelo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou esta mañá en Pontevedra as renovadas zonas de espera do servizo de Urxencias de Montecelo, que xa están en funcionamento. O centro sanitario pontevedrés é o primeiro hospital de Galicia en dispor dun espazo innovador orientado ao confort do usuario de Urxencias e a garantir a súa accesibilidade a información.

O obxectivo deste proxecto de innovación social do Servizo Galego de Saúde é dispor dun modelo xeral das salas de espera e estar dos servizos de urxencia dende a perspectiva do usuario, que se realizou, a modo de escenario demostrador, no centro sanitario pontevedrés e que será un referente para a transformación das diferentes salas de espera do resto dos hospitais públicos galegos.

Este proxecto enmárcase dentro do convenio Innova Saúde, establecido entre o Sergas e o Ministerio de Economía e Competitividade, e que pretende a dinamización de actividades de I+D+i no ámbito sanitario, mediante financiamento comunitario con Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), dentro do Programa Operativo I+D+i por e para o beneficio das empresas-Fondo Tecnolóxico 2007-2013.

Referente de transformación

A renovación das diversas zonas de espera e estar de pacientes e familiares no servizo de Urxencias do hospital Montecelo permitiu transformalas nun espazo vertebrador para un modelo de prestación de servizo orientado ás persoas.

Partindo da análise das necesidades dos usuarios e contando coa opinión dos responsables e profesionais de Urxencias, así como do servizo de Medicina Preventiva e persoal técnico e de mantemento do hospital, as obras de renovación crearon un contorno máis harmonioso, co obxectivo de contribuír á xeración de confianza no usuario, diminuíndo a posible ansiedade, axudando a entender o proceso e mellorando a intimidade e a comodidade da espera.

Nas renovadas salas de espera e estar do hospital Montecelo os espazos, os diferentes percorridos, o mobiliario e a información continua sobre todo o proceso permite a pacientes e acompañantes unha percepción do servizo máis positiva, coidada e persoal.

Nesta reforma integrouse todo o proceso que sigue o paciente, desde a entrada no servizo, o proceso de admisión, a sala de espera de familiares, as zonas de triaxe, a sala de espera de pacientes, etc. Tamén se reformaron as zonas de paso, para facilitar e axilizar as circulacións de pacientes e profesionais.

Procedeuse á renovación de solos, teitos e paredes, cambiouse a iluminación, instalouse novo mobiliario e outros elementos para garantir o confort e a comodidade da espera e tamén outros destinados a facilitar a accesibilidade á información dos usuarios.

Innovación social

A través da innovación social pódense atopar novas formas de satisfacer as necesidades sociais que non están adecuadamente cubertas polo sector público, pois permite a adaptabilidade de solucións locais a contextos globais. Busca, sobre todo, dar respostas a demandas sociais insatisfeitas, orientadas ao desenvolvemento de accións e á obtención de resultados.

Polo tanto, analizouse e avaliouse o servizo de Urxencias do Hospital de Montecelo desde a perspectiva de deseño do usuario con ferramentas de deseño cun enfoque centrado nas persoas, Design Thinking. Estas integran as posibilidades da tecnoloxía e as necesidades das persoas para conseguir cambios estructurais na prestación de servizos sanitarios a medio e longo prazo que respondan a novas formas de traballo e espazos innovadores que faciliten os cambios de comportamento necesarios para resolver os grandes retos da sociedade, que xeren novas relacións sociais e novos modelos de colaboración, que capaciten á cidadanía e leven á sociedade a innovar.

30 de decembro de 2015 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.