Iván Alonso e Diego Piña quedan segundos na Ocean Race A Lanzada
Iván Alonso e Diego Piña lograron a segunda posición na Ocean Race A Lanzada que supuña o inicio da tempada de piragüismo. Os dous compoñentes do Kaiak Tudense participaron na modalidade de SS2, é dicir un barco dobre, e demostraron atoparse nun bo momento de forma. Só foron superados polos franceses Remi Petei e Cyrille Carré. Este último foi dúas veces campión olímpico e tamén do Mundo. Os catro comparten adestramentos estes días no río Miño.
Victor Rodríguez, tamén do Kaiak Tudense, logrou a segunda posición en SS1. A pesar de realizar unha boa regata non puido coa fortaleza de Esteban Medina, que foi o gañador da competición.
A Ocean Race A Lanzada tiña percorrido de catorce quilómetros, con saída na emblemática praia e chegada a Portonovo. Para esta segunda edición cambiouse o lugar da meta, o que fixo máis espectacular a proba.
Doutra banda, Enrique Míguez impúxose na categoría de C-1 de veteranos na proba de piragua cros que se disputou en Pontevedra. O medallista olímpico volveu demostrar as súas calidades nunha competición que mestura un longo percorrido a pé e outro na auga.











