Gotelé introducirá no mundo da arte aos rapaces no Nadal Lúdico de Ames
Un ano máis o Concello de Ames puxo en marcha o servizo do Nadal Lúdico: unha iniciativa que permite a conciliación laboral durante as vacacións invernais de nenos e nenas. Este ano o Nadal lúdico comezou hoxe, luns 21 de decembro, e desenvolveranse diferentes actividades que reúnen cultura e diversión ao longo dos días 21, 22, 23, 24, 28, 29, 30 e 31 de decembro de 2015 e 4 e 5 de xaneiro de 2015. O servizo ofertouse incluíndo un servizo opcional de almorzos e comedor.
As prazas ofertadas do Nadal Lúdico dividíronse entre Bertamiráns e O Milladoiro. En total 138 rapaces e rapazas, que son alumnos/as de Educación Infantil e Primaria, participarán nas súas actividades. As actividades de Bertamiráns terán lugar nas instalacións do CEIP A Maía e as do Milladoiro repartiranse entre a Casa da Cultura e a Escola Infantil do Milladoiro. Nenos e nenas xogarán e aprenderán divididos en grupos segundo a súa idade.
A cuadrilla Gotelé será quen presente as actividades diarias aos participantes. Cada día, en horario de 9:00 a 14:00 horas, levaranse a cabo distintos xogos e manualidades, moitos dos cales xirarán en torno á arte. Nenos e nenas gozarán dun percorrido, da man dos membros da cuadrilla, polas obras dalgúns dos artistas plásticos máis importantes da historia: Picasso, Chagall ou Van Gogh.
Os participantes aprenderán ademais a usar algunhas das técnicas destes grandes mestres, practicarán co puntillismo, a xeometría cubista ou descubrirán como se fabricaban as vidreiras góticas. Todo isto ademais empregando materiais de refugallo e da propia natureza.
A maiores o equipo de monitores e monitoras preparou para os pequenos numerosas sorpresas. Durante o Nadal Lúdico os participantes escoitarán as badaladas durante a festa de Ano Novo, explorarán as emocións e aprenderán máis cousas sobre elas durante o Festival Emoticlown e concursarán nun certame de cociña baixo o nome Nadal Chef, no que aprenderán a preparar distintas receitas.











