Goretti Sanmartín defende en Toques a necesidade de apoiar os concellos pequenos
A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, visitou o concello de Toques no encontro co seu alcalde José Angel Penas e o tenente alcalde Miguel Buján defendeu a necesidade de apoiar os concellos de menor dimensión. No marco do encontro asinaron un convenio de colaboración de ambas as institucións.
En visita ao concello de Toques, a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, defendeu a necesidade da Deputación de centrar unha maior atención nas entidades locais de menor dimensión que son, ao seu ver, as que máis precisan da súa acción de goberno. Goretti Sanmartín reuniuse co alcalde de Toques, José Angel Penas García e co tenente alcalde Miguel Buján nun encontro no que se asinou o convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello para o financiamento das obras en Prados (Paradela) cun orzamento de 227.972,26 €.
“A Deputación ten que priorizar o apoio a concellos que, como o de Toques, non teñen posibilidade de execución de actuacións como esta a non ser polo convenio que vimos de asinar”, sinalou Goretti Sanmartín, na liña de defender unha acción de goberno que contribúa á mellora de obras e servizos nos pequenos concellos. Na súa visita, a vicepresidenta interesouse tamén por distintas cuestións referidas ao concello de Toques, entre outras, por accións encamiñadas á conservación e posta en valor do seu patrimonio natural e artístico.