Francisco Conde destaca en Ourense a activación de axudas por 5,6 millóns para continuar reforzando o comercio de proximidade galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Francisco Conde na visita á praza de abastos de Ourense

Francisco Conde na visita á praza de abastos de Ourense

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou esta mañá en Ourense a activación de programas de apoio ao comercio galego que suman máis de 5,6 millóns de euros para que os comerciantes teñan á súa disposición xa desde comezos de ano as ferramentas que precisan para continuar impulsando a creación de riqueza e emprego en Galicia.

Estas convocatorias, que se publican hoxe no DOG, están centradas no impulso ao smart commerce e o comercio electrónico, un dos eixos do Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia; a mellora da imaxe; o apoio ás asociacións de comerciantes, tanto dos centros comerciais abertos e as prazas de abastos como das federacións; e a transmisión comercial.

Segundo salientou Conde, estas axudas permitirán continuar impulsando os resultados dun sector que está a ser clave na recuperación paulatina da economía. Así, lembrou que as vendas do comercio galego se incrementaron un 6% en novembro con respecto ao mesmo mes de 2014, dous puntos por riba da media estatal, situando a Galicia como a terceira comunidade cun maior incremento.

Na súa visita á praza de abastos ourensá, na que estivo acompañado polo alcalde da cidade, Xesús Vázquez, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria sinalou que este mercado, no que a Xunta vén de apoiar a instalación do ascensor e a renovación do solado, é un referente do comercio de proximidade na cidade.

Conde, que destacou o importante papel que xogan a praza de Ourense e o conxunto dos mercados galegos na vertebración económica e social das vilas e cidades, lembrou que o vindeiro ano se activará o Plan de Mercados Excelentes. Este incluirá medidas para que as prazas galegas sigan camiñando cara a excelencia, como apoios para a mellora da imaxe e da atención ao cliente; axudas para que os praceiros melloren servizos e equipamentos; ou iniciativas para reforzar o emprendemento nas prazas, entre as que se atopan o impulso á apertura de novos establecementos en mercados con baixa ocupación.

30 de decembro de 2015 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.