Francisco Conde demanda ante o Consello da Unión Europea un pulo á economía social

Francisco Conde en Bruxelas
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, demandou hoxe en Bruxelas un “tratamento diferenciado” para a economía social na súa intervención ante a formación do Consello da Unión Europea para a área de Emprego, Política Social, Sanidade e Consumidores (Epsco), que reúne aos responsables ministeriais destes ámbitos de todos os estados membros. O titular de Economía participou nesta xuntanza en representación de todas as rexións de España para expoñer o posicionamento de Galicia e o resto de autonomías, e resaltou a importancia de poder tomar parte deste Consello como representante dun departamento autonómico.
Así, Conde puxo en valor a economía social como “un importante motor de desenvolvemento económico e social” e demandou ante Europa diferentes actuacións para mellorar o fomento deste sector. Deste xeito, entre outras medidas, avogou por facilitar o acceso a fontes de financiamento tradicionais e desenvolver novas modalidades de financiamento, ao tempo que solicitou favorecer aos emprendedores o acceso á innovación. Así mesmo, en nome de todas as rexións do Estado, Conde resaltou a importancia de poñer en marcha actuacións que melloren o coñecemento da economía social e potencien a consolidación dun marco xurídico “flexible e seguro”.
Ademais, o titular de Economía subliñou a importancia do Fondo Social Europeo (FSE) como cofinanciador. Neste senso, sinalou que os apoios financeiros na liña do ‘Programa Operativo de Inclusión Social e da Economía Social’ poden facer posible a implantación con éxito de medidas en cada un dos estados membros e as rexións europeas.
Lei de Economía Social
O conselleiro destacou en Bruxelas a importancia que ten a economía social en Galicia, xa que aglutina a máis de 7.000 entidades e 300.000 persoas. Resaltou que, por iso, este sector conta “cunha especial relevancia” na nova Axenda de Emprego, que a Xunta activará en xaneiro, e sinalou que o Goberno galego vén de aprobar o proxecto de Lei de Economía Social que impulsa a creación de cooperativas por parte dos menores de 30 anos reducindo o capital social a 300 euros, e permitirá lanzar unha nova liña de capital risco de 5 millóns de euros, e un millón máis en incentivos para fomentar este tipo de proxectos, en especial, no rural.
Conde tamén destacou que o departamento autonómico segue a colaborar coa Rede Eusumo, creada en 2012 pola Administración autonómica para fomentar as cooperativas, unha fórmula empresarial que demostrou a súa resistencia fronte á crise.











