Finaliza no Campus de Vigo a campaña para previr a violencia de xénero entre o alumnado universitario

Susana López Abella na presentación da iniciativa
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou hoxe no Campus de Vigo a iniciativa “Todos os días loitando contra a violencia de xénero”, unha campaña de sensibilización e información coa que se pretende loitar contra a violencia de xénero entre o alumnado universitario galego.
No acto de presentación desta mañá, ademais de Susana López Abella, tamén participaron a vicerreitora de Estudantes da Universidade de Vigo, Dolores Gonzalez Alvarez; a directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Anabel Gonzalez Penín e o director de Marketing de El Corte Inglés, José Manuel Blanco, xa que a campaña conta coa colaboración das tres universidades galegas e das entidades Abanca Obra Social e El Corte Inglés e o seu obxectivo é implicar á xente máis nova na concienciación e necesidade de acabar coa lacra social que supón a violencia machista.
A iniciativa comezou o pasado 25 de novembro no campus de Santiago, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero. Agora está a percorrer os sete campus galegos, a través dun punto de atención no que se reparte material informativo que incide na idea de que o “amor romántico” non debe servir para encubrir actitudes ou comportamentos violentos.
A campaña de sensibilización trata de fortalecer os mecanismos de prevención da violencia de xénero, á vez que darlle visibilidade e crear conciencia social. Os últimos estudos publicados revelan que a mocidade constitúe un grupo “especialmente vulnerable” á violencia machista e que poboación máis nova está a reproducir de maneira preocupante uns estereotipos de xénero que se crían erradicados.Por iso, iniciativas como a que se presentou hoxe na Campus de Vigo buscan que os mozos e mozas sexan capaces de recoñecer esas condutas nocivas e poidan frealas, e dese xeito evitar que se agraven e supoñan un maior risco de violencia de xénero no futuro.
Un selfie contra o mal amor
Ademais do material informativo, a campaña de sensibilización leva aparellada a acción Un selfie contra o mal amor, un concurso a través do cal os universitarios e universitarias galegos poderán subir unha autofoto a través das súas redes sociais e manifestar nelas o seu rexeitamento á violencia de xénero. A acción Un selfie contra o mal amor xa pasou tamén polos campus de Santiago (25 e 26 de novembro), Lugo (30 de novembro), Coruña (1 e 2 de decembro), Ferrol, Pontevedra e Ourense, rematando hoxe no campus de Vigo.











