Ferrol pon en marcha un servizo pioneiro de mediación para solucionar problemas de convivencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A área de Servizos Sociais, que preside a concelleira Beatriz Sestayo, acaba de poñer en marcha un servizo pioneiro de mediación para solucionar problemas de convivencia non delitivos en Recimil , un proceso incluído no proxecto de intervención psico-social e comunitaria que se está a desenrolar para o barrio.

Así o explicou Beatriz Sestayo na rolda de prensa posterior á Comisión de Benestar celebrada esta mañá e na que explicou tres puntos que se porán en marcha da intervención socio-comunitaria en Recimil, e que consistirán na mediación, na intervención en familias e na dinamización social coa posta en marcha de actividades interxeneracionais.

Baixo o obxectivo prioritario de conseguir “facer de Recimil un barrio modelo e de convivencia plural”, a Concellería está a traballar no plan de intervención do que unha das medidas, pioneira na cidade pero que noutros lugares está a dar grandes resultados, é a mediación veciñal ante problemas de convivencia.

Deste xeito, os veciños poden solicitar esta mediación dende xa mesmo na Casa Solidaria, co que intervirán a traballadora social e a educadora asignadas a este proceso. A mediación poderase realizar tanto neste edificio como nas rúas do barrio, dependendo dos problemas que se traten. As persoas interesadas deberán asinar un protocolo no que sinalan que aceptan a resposta que se reciba. 

Os conflitos que se abordarán non terán carácter delitivo pero si veciñal, tales como problemas de horarios ou de espazos comúns nas vivendas, e que afectan á convivencia no barrio, ao igual que problemas que se poden producir no mercado do barrio. A traballadora social e a educadora social estarán acompañadas tamén doutros veciños que poidan colaborar na mediación. 

Beatriz Sestayo avanzou que este sistema que se aplicará de xeito pioneiro en Recimil se estudará poñelo en marcha nun futuro noutras zonas da cidade, no caso de que dea os resultados esperados. 

O plan social para Recimil contempla tamén a intervención con familias, para o que se porán en contacto a ANPA de Recimil, aos centros educativos, as asociacións e colectivos veciñais, e ao centros de saúde para evitar que non se realice o seguimento necesario a citas médicas ou pediátricas.

Neste ámbito, tamén se está a preparar unha dinamización socio cultural no barrio, con actividades interxeneracionais e interculturais. “É fundamental que a xente se implique, e na asemblea que teremos en xaneiro para coordinar as distintas actuacións informarase da programación estable que se desenvolverán”que contribúan á dinamización dos distintos colectivos que viven en Recimil. 

Ademais, un traballador social e un traballador da área de Benestar integrarán unha Comisión que transmitirán ás distintas Concellerías as necesidades que neste plan de intervención se detecten en Recimil. 

Para xaneiro de 2016 está convocada a Xunta de Seguridade Local na que se seguirá avanzando na mellora da seguridade en Recimil, para lograr unha mellor coordinación entre Policía Nacional e Local.

INCREMENTO DE AXUDAS Á DEPENDENCIA

Doutra banda, Beatriz Sestayo avanzou que, despois de anos nos que o goberno do PP non esgotaba as partidas destinadas á axuda en domicilio, este ano se rematou xa a dispoñible, ao traballarse con maior axilidade e preocupación da situación das persoas en Ferrol.

Ante a demanda existente, rematáronse as 13.503 horas incluídas nos orzamentos de 2016, e nos próximos orzamentos aumentaranse en 671 as horas mensuais, que “é o cálculo feito sobre a necesidade das persoas dependentes en Ferrol”. “Existe unha ampla demanda de dependencia que non estaba a ser respondida por parte das administracións”. 

Ademais, Beatriz Sestayo avanzou que se realizará outra medida e se baixará a taxa que se cobra, que ata agora coincide coa marcada pola Xunta de Galicia. “Hai xente que non pode acudir a servizos de axuda no fogar porque non pode pagar esa taxa, e non pode ser que os cartos sexan un impedimento”, no caso dos servizos dependentes do Concello. 

TRABALLADORES DO RISGA SEN PRESTACIÓNS 

Así mesmo, Beatriz Sestayo lembrou que se fará chegar á Consellería de Política Social a información concreta e os datos das 25 persoas que foron contratadas a través da Risga durante sete meses, e que tras finalizar o contrato en decembro, atópanse con que non teñen prestacións por desemprego e teñen que esperar un prazo de ata oito meses ata poder volver cobrar a Risga. “A Xunta nega este prazo pero nós temos documento co que podemos demostralo”, sinalou Beatriz Sestayo. 

Isto provoca, explicou, que algunhas destas persoas, coas que mantivo unha reunión no día de onte, non teñan ningún ingreso ou, como moito, 319 euros ao ter fillos ao cargo. “Como me comprometín co conselleiro o luns remitiremos o listado para que se comprobe que os datos que manexa a Consellería non son reais”.

Ademais de reivindicar unha solución a estas persoas tamén se solicitará un cambio “fundamental” na Risga, para que poida ser compatible con outras prestacións ou cun emprego, e que non supoña unha espera de case oito meses para ser cobrada “a cargo das emerxencias sociais do Concello”.

Unha demora, lembrou, que acarrea que sexa a administración local a que teña que facer fronte á situación de gravidade na que se atopan moitas persoas mediante axudas de emerxencia. A semana pasada xa se tivo que incrementar a partida para esta cuestión en 70.000 euros. 

17 de decembro de 2015 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.