Ferreiro aposta pola innovación para facer da Coruña un motor económico, social e cultural de Galicia e do Estado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Ferreiro na reunión con Ascega

Ferreiro na reunión con Ascega

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, visitou na mañá deste martes a sede da Asociación de Emprendedores e Empresarios de Galicia, Ascega, nun almorzo de traballo no que tamén participou o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, e onde o rexedor apostou “polos proxectos innovadores, que ofrecen un traballo de calidade, un traballo estable para a xente” como novos motores económicos da cidade. Nesa liña, Ferreiro avogou por esas novas vías, capaces de contribuír “a que A Coruña sexa o que ten que ser: un motor económico, social, cultural de Galicia e de todo o Estado”, e fixo unha defensa “desa xente que quere botar para diante un negocio que redunde na economía, no benestar, para facer da Coruña un sitio atractivo ao que a xente de fóra queira vir, non só a visitarnos senón a quedar”.

No mesmo sentido pronunciouse o responsable municipal de Economía Social, quen sinalou que un dos obxectivos do Goberno local é o de “facilitar que o procedemento para poñer unha empresa en marcha sexa o máis áxil posible”. “Galicia é unha das comunidades onde máis difícil resulta poñer a andar un negocio e creo que hai unha responsabilidade da administración. Temos que ter entre os nosos obxectivos facilitar os plans administrativos para que cando alguén tome unha decisión tan complexa e tan valente como é montar unha empresa non se atope con que parte dos atrancos que vai ter parten da propia administración”, considerou.

1 de decembro de 2015 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.