Ferreiro afirma que a educación inclusiva é a vía para lograr unha cidade máis segura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, así como a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, e o concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, participaron na tarde deste venres no acto de entrega dos premios do concurso escolar ‘Agora quero ir camiñando ao cole!’, organizado coa colaboración da comunidade educativa e da asociación Stop Accidentes. Neste marco, o rexedor indicou que “a educación inclusiva e participada é a vía para lograr unha cidade máis segura, máis limpa e con novas formas de mobilidade alternativas”, como as que se potencian nesta experiencia, que aposta por afianzar a seguridade vial nas denominadas rutas escolares.

“Este concurso aposta por algo que sempre defendemos dende este Goberno, e que son as novas formas de mobilidade alternativa, máis acorde coas novas cidades de Europa, onde os e as protagonistas sexamos os peóns e non os motores”, comentou o rexedor. “Sabemos que é unha carreira de fondo. Apostamos polo transporte público, por formas de mobilidade alternativa, polas bicicletas, polas nosas pernas… quizais os resultados de todo o esforzo que estamos e están a facer moitas entidades, como Stop Accidentes, non se poderán ver de inmediato. Pero podemos estar tranquilos, os e as estudantes desta cidade, os e as que participáchedes neste concurso, o veredes”, indicou.

“Por todo isto, apostamos decididamente por ter unha entrada á Coruña humanizada, non por unha autopista que parta a cidade en dous, e por unha educación pública, universal e inclusiva, que sexa unha prioridade para todas as institucións con competencias. Unha educación que se basee no consenso e a participación de todos e todas”, dixo.

No acto, celebrado no Salón de Plenos do Pazo de María Pita, contou tamén coa presenza de Jean Piccard, a delegada de Stop Accidentes. O concurso, no que participaron os centros de Educación Infantil e Primaria Wenceslao Fernández Flores, Santo Domingo, San Francico Javier, Anxo da Garda, Juan Fernández Latorre, Sagrada Familia, Fundación Lema Nadal, Emilia Pardo Bazán, Sal Lence e Concepción Arenal, consistía na elaboración dun debuxo e/ou unha carta dirixida aos adultos do seu entorno para aconsellalos sobre seguridade vial. Cos debuxos e cartas seleccionadas ilustrouse un calendario para o próximo ano.

18 de decembro de 2015 | 20:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.