Feijóo avanza un convenio entre a Xunta e o Concello de Ourense para reparar a Ponte do Milenio
O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a sinatura do convenio entre a Xunta e o Concello de Ourense para reparar a Ponte do Milenio co fin de mellorar a súa estrutura e entregala ao municipio. Segundo sinalou o máximo responsable autonómico, o investimento total nesta actuación chega a preto de 550.000 euros, que se empregarán para diversas actuacións na ponte.
Así, como explicou Feijóo, no que atinxe á estrutura, realizaranse inxeccións nas fisuras que teñen excesiva abertura e a limpeza da corrosión. Tamén se executará a impermeabilización completa da cara superior do taboleiro, incluso substituíndo a capa de rodadura e retirarase o musgo e liques dos paramentos verticais de formigón e eliminarase a vexetación das xuntas. Finalmente, repararase o sistema de iluminación, arranxando e repoñendo as luminarias deficientes e farase unha revisión completa do sistema eléctrico.
O presidente da Xunta destacou a importancia desta ponte, que foi construída co comezo do século para pechar ao tráfico rodado a Ponte Romana e que se ten convertido en todo un emblema da cidade de Ourense.
Nesta liña, tamén lembrou que a pasada semana o Consello deu o visto e prace á reparación das calzadas da Ponte Vella e a mellora da súa iluminación.











