Excelente bagaxe dos alumnos que fixeron prácticas en Londres co programa Galeuropa
Os oito alumnos que fixeron prácticas profesionais en Londres grazas ao novidoso programa Galeuropa dirixido desde a Concellería de Xuventude recibiron hoxe, da man do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e da concelleira Sofía Godoy, os diplomas acreditativos das súas prácticas profesionais no estranxeiro. O rexedor puido escoitar de primeira man as experiencias e vivencias dos alumnos no Reino Unido, entre as que destacan a bagaxe adquirida no idioma, a oportunidade de enfrontarse “a un traballo de verdade” e, sobre todo, desenvolverse lonxe da casa.
En total, foron dous meses os que pasaron en Londres (do 5 de outubro ao 28 de novembro), aloxados en casas de familias nativas e traballando en diferentes empresas acorde coa súa formación, desde empresas de turismo, hoteis ou empresas de deseño gráfico.
O Concello acolleuse por vez primeira a este programa Galeuropa, sendo unha experiencia “altamente positiva” e que se repetirá no futuro, en opinión de Sofía Godoy. Este programa de prácticas permitiu, ademais, a contratación dunha traballadora eventualmente para que dirixise o programa desde a Concellería de Xuventude e se ocupase da súa xestión.
Esta traballadora da Concellería de Xuventude supervisou tamén as clases de formación en lingua estranxeira que recibiron os beneficiarios do programa antes de marchar, e que foi moi valorada entre os participantes por estar adaptada á vida real e axudalos en situacións reais coas que despois se atoparon en Londres.











