Estudantes da Coruña traballan a educación para o desenvolvemento a través da fotografía, a radio e o teatro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O IES Urbano Lugrís de A Coruñaacolleu hoxe o primeiro obradoiro de educación en valores do proxecto ‘Cooperación Galega: O Mundo que queremos’, no que se incidiu sobre as desigualdades sociais e as causas que as perpetúan, facendo partícipe desta problemática ao alumnado e remarcando o seu papel transformador na consecución dun mundo máis xusto. Esta mesma actividade desenvolverase mañá no IES Fernando Wirtz, o outro centro educativode A Coruña que participa no proxecto nesta terceira edición.

O obxectivo deste primeiro obradoiro é crear un vínculo co alumnado e fomentar neles a corresponsabilidade de crear un mundo mellor entre todos e todas, que sintan que son parte do cambio. Tentamos explicarlles dunha maneira moi visual as desigualdades e a inxustiza social que habita no noso mundo, utilizando unha dinámica que mostra a disparidade no reparto de terras e riqueza a nivel mundial e tamén mostrarlles as consecuencias dun consumo irresponsable e egoísta. A este obradoiro seguiranlle os de radio, fotografía e teatro” explicou Rosa López, encargada deste primeiro taller.

O proxecto

‘Cooperación Galega: O mundo queremos’ é un proxecto de educación para o desenvolvemento, financiado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, e que forma parte da plataforma de innovación educativa Plan Proxecta, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Esta iniciativa educativa pretende promover a reflexión do alumnado sobre a conexión existente entre as realidades locais e as desigualdades globais, concienciando e implicando ás novas xeracións na responsabilidade que todas e todos temos na construción dun mundo máis xusto e equitativo e utilizando para iso o potencial educativo da comunicación(podcast, imaxes, música e teatro) como medio para sensibilizar e transformar.

O fío temático do proxecto son osnovos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), así como experiencias de medios comunitarios vinculados a proxectos de cooperación internacional que serán presentados nas aulas a través de obradoiros de radio e fotografía e representacións de pezas do chamado ‘teatro da oprimida’.Tras os obradoiros os rapaces e as rapazas terán que crear os seus propios proxectos radiofónicos e fotográficos.

O proxecto culmina coa visita aos centros educativos de persoas dos países do Sur vinculadas á proxectos de cooperación para o desenvolvemento, e un encontro final intercentros no que todo o alumnado participante gozará dun concerto e amosará os traballos radiofónicos e fotográficos realizados durante estes meses de traballo. 

Ademais doIES Urbano Lugrís  e o IES Fernando Wirtz de A Coruña, 3 centros de Educación Secundaria (IES Isidro Parga Pondal de Carballo, o CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis e o CPI Toural de Vilaboa) están inscritos nesta terceira edición na que participan 512alumnos e alumnas e 14 profesores e profesoras.

Este proxecto está a ser executado polas ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e Educo, coa colaboración organizativa e formativa de Mundo Cooperante Galicia, Asemblea de Cooperación Pola Paz (ACPP), Tempo de Loaira e o grupo de Teatro dxsoprimidxs ‘100tolas’. 

9 de decembro de 2015 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.