Ence Fóra solicita por escrito ao Goberno que non consolide a pasteira na ría de Pontevedra
Máis de trinta colectivos sociais e partidos políticos que se aglutinan ao redor da plataforma Ence Fóra presentaron este venres ante a dirección provincial de Costas un escrito dirixido ao Goberno central no que piden que non permita a continuidade do complexo industrial de Ence na ría de Pontevedra.
Juan Loureiro, presidente da federación de asociacións de veciños Castelao, explicou que no documento solicitan que non se tome ningunha decisión sobre a prórroga de Ence e menos neste momento cun Goberno en funcións”. “Entendemos que hai un prazo até 2018 e que para entón ten que estar fóra. Levamos sufríndoa 50 anos e non podemos sufrila outros 50 máis”, dixo.
Ao texto entregado á Xefatura de Costas dáselle traslado ao Ministerio de Medio Ambiente e os colectivos e forzas políticas esperan que tamén ao propio presidente, Mariano Rajoy.
Os interesados destacaron que recibiron o compromiso da xefa de Costas, Cristina Paz Curbera, de que o remitiría de forma inmediata, vía correo electrónico.
O texto remitido di: “Que, tendo en consideración as alegacións dos distintos colectivos que actuaron como parte interesada no proceso de caducidade da concesión da empresa Ence, se reconsidere a actual posición do servizo de Costas (e da propia dirección xeral de Costas) e se estimen como causas da caducidade da mencionada concesión todas aquelas que -é o caso do incumprimento xeneralizado da esixencia concesional de que as súas verteduras non superen as 20 ppm para o parámetro DBO (a demanda bioquímica de osíxeno exprésase en partes por millón)- non deixan lugar a dúbidas sobre tal caducidade”.
NON VOTAR A PP E CIUDADANOS
Tras a entrega, representantes dos colectivos da plataforma participaron nunha repartición de panfletos no que instan a non votar aos partidos que queren consolidar Ence e Elnosa en Lourizán, citando explicitamente ao Partido Popular e a Ciudadanos, que non forman parte deste colectivo.
Á plataforma están adheridos partidos como BNG, PSdeG-PSOE e Marea, ademais doutros colectivos ecoloxistas, sociais, veciñais e culturais de Pontevedra e a súa comarca.











