publicidade hoxe

El Desván de Pestañas gaña o X Concurso de Escaparates de Ames Nadal 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+
Escaparate gañador

Escaparate gañador

Este venres, 18 de decembro, reuniuse o xurado para elixir os establecementos comerciais premiados no X Concurso de Escaparates de Nadal 2015, organizado pola concellaría de Promoción Económica, e no que participaron un total de 20 comercios (13 en Bertamiráns e 7 no Milladoiro).. Tralo ditame do xurado, nesta edición o primeiro premio recaeu en El Desván de Pestañas. O segundo premio é para Arola Moda e Complementos, mentres que o terceiro premio levouno Cousalinda Moda e Complementos.

Neste concurso, os establecementos comerciais amesáns competiron co engalanado dos seus escaparates, que están expostos dende o pasado 1 de decembro de 2015 e permanecerán expostos ata o 5 de xaneiro de 2016. O concurso tivo 20 participantes (13 de Bertamiráns e 7 do Milladoiro).
Tralo ditame dos membros do xurado xa se coñecen os gañadores deste concurso. O primeiro premio recaeu en El Desván de Pestañas, situado na rúa Ameneiral, que obtivo 67 puntos. O segundo premio foi para Arola Moda e Complementos, que ten o seu local situado na rúa Viorneira, e que obtivo 64 puntos. Por último, o terceiro premio recaeu en Cousalinda Moda e Complementos, que está situado no Centro Comercial Novo Milladoiro, e que sumou 62 puntos. O primeiro premio está dotado de 1.000 euros, o segundo premio é de 700 euros e o terceiro premio dispón de 400 euros.

Ademais, este ano para celebrar a décima edición deste concurso todos os establecementos inscritos participarán no sorteo dun talón de 200 euros. Deste sorteo serán excluídos aqueles establecementos que xa obtiveran algún premio. O Concello quere premiar así aos participantes desta edición dun evento que cumpre xa dez anos dinamizando o comercio amesán. Este premio aínda está pendente de darse a coñecer.

Este ano formaron parte do xurado catro persoas. Cada unha destas persoas representou a unha das asociacións de comerciantes e profesionais existentes no Concello. Así a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Bertamiráns designou a Pablo Súarez como o seu representante; a Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro nomeou a Jorge Capeáns Vales; a Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar elixiu a José Manuel Fernández Gómez; e a Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro designou a Salomé Blanco Gómez Caramés.

Cada membro do xurado puntuou o deseño e a orixinalidade dos traballos presentados, tendo en conta tamén os criterios de composición e a elaboración propia. O xurado contou co asesoramento técnico da profesional Antonia Pinto Veloso, e dous traballadores da concellaría de Promoción Económica que actuaron como secretarios.

Premio especial do público

A maiores destes galardóns económicos os establecementos competirán polos Premios Especias do Público, que como novidade este ano premiarán a un establecemento do Milladoiro e outro en Bertamiráns. Para iso entregaráselle a cada comercio inscrito 150 boletos para repartir entre a súa clientela.

Para que estes boletos teñan validez a clientela deberá cubrir todos os campos dos boletos e asinar no espazo reservado para elo. No caso de que algún campo se deixe baleiro, incluída a sinatura, ese boleto será considerado como nulo. Os boletos depositaranse, debidamente cubertos, nas urnas situadas na Casa de Cultura e Casa do Concello, en Bertamiráns, ou na Casa de Cultura e Biblioteca, no Milladoiro, ata o 5 de xaneiro de 2016.
Os dous locais máis votados, un en Bertamiráns e outro no Milladoiro, recibirán un talón por valor de 200 euros cada un. Os clientes e clientas que decidan votar participarán no sorteo de tres talóns valorados en 300 euros. Estes premios daranse a coñecer despois de que remate o período de votación.

18 de decembro de 2015 | 19:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.