publicidade hoxe

Desenvolvemento local de San Sadurniño pecha as preinscricións para o curso de manipulación de fitosanitarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

76 persoas contactaron co Concello para comunicar o seu interese en participar no curso de manipulación de produtos fitosanitarios para o que se abriu hai tan só uns días o periodo de preinscrición de cara a organizalo máis adiante. Unha cifra que superou todas as previsións e que obriga ao departamento municipal de Desenvolvemento local a non admitir máis solicitudes. A decisión responde a que a Xunta -que será quen imparta o curso- se encontra desbordada polo número de peticións e xa lle indicou ao Concello que nesta primeira acción formativa, para a que aínda non confirmou datas, daráselle prioridade a aquelas persoas que sexan titulares de explotacións agrarias ou profesionais que precisen o carné para exercer a súa actividade, como pode ser -por exemplo- a xardinería ou o traballo nun viveiro.

Será a propia Consellería do Medio Rural que contacte directamente coas persoas admitidas para comunicarlles a data de inicio do curso, que se desenvolverá na primeira metade do ano que entra na Casa da Xuventude. En principio a Xunta vai cruzar os datos da preinscrición municipal cos que ten ela para ver que solicitantes teñen asignado código no REAGA, o rexistro de explotacións agrícolas e gandeiras de Galicia, e só se hai algunha vacante ata completar as 30 prazas ofertadas poderá darselle entrada a agricultores e labregos non profesionais. Neste sentido tamén contarán cun acceso prioritario persoas que traballen en empresas que utilicen habitualmente este tipo de produtos.

Ademais, o Concello ten intención de por a disposición da administración autonómica as instalacións municipais para realizar posteriormente un segundo curso coas persoas que queden na lista de agarda que, igualmente, serán convocadas directamente pola oficina agraria comarcal de Ferrol. De feito, quen non se apuntase aínda deberá contactar directamente con esa oficina -981 337 048- ou ben coa das Pontes -881 930 029- para obter información sobre os próximos cursos que se vaian programar.

A obtención do carné básico leva aparellada unha formación de 25 horas das que 9 son prácticas que debe completarse para poder facer despois un exame específico na CFA de Guísamo. O exame ten un custe de 8,83 euros en concepto de taxas. 

A avalancha de solicitudes para cursos repítese, segundo parece, en toda Galicia. A pesar de que o RD 1311/2012 sobre a obtención do carné de manipulación/aplicación de produtos fitosanitarios se publicou en 2012 e xa daquela se anunciaba que o 26 de novembro de 2015 sería de obrigado cumprimento, a cousa semella que colleu por sorpresa tanto a profesionais da agricultura e da gandeiría como non profesionais. E á sorpresa engádese unha certa indefinición -a lei lía máis do que aclara- sobre que produtos requirirán carné e cales non e as cantidades que se poderán aplicar sen necesidade desta titulación.

Os casos dos usos non profesionais -quen non ten explotación pero si patacal, morteiros ou froiteiras, por exemplo- aparecen na lei como os que se fagan “en xardíns domésticos de exterior e hortas familiares, con produtos expresamente autorizados para o uso non profesional nestes ámbitos” e aqueles efectuados “en xardinería doméstica de interior, con produtos envasados como aerosol ou outros tipos de envases concibidos expresamente para a aplicación directa do seu contido”. Máis en concreto: “un litro, cando se trate de aerosois ou outros tipos de envases deseñados para aplicar directamente no produto fitosanitario. 500 gramos ou 500 mililitros para calquera outro tipo de preparados”. 

A explicación déixanos como estabamos, é dicir, sen saber se podemos sulfatar con cobre as tomateiras ou se podemos botarlle herbicida ás labazas. E ante iso só temos dúas opcións: sacar o carné para termos cobertura ou preguntar nas tendas autorizadas que produtos podemos dar, tendo en conta ademais que, segundo parece, as marcas teñen previsto sacar compostos con cantidades adaptadas á normativa. Hai o ruxe-ruxe extraoficial de que durante algún tempo haberá certa permisividade nesta cuestión, pero non se pode perder de vista que a lei é lei e que está aí para cumprila.

17 de decembro de 2015 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.