Deputación de Pontevedra e concellos acordan proxectos conxuntos para poñer en valor a Rede de Sendeiros Azuis da provincia
A Deputación de Pontevedra e os nove concellos da provincia adheridos á Rede de Sendeiros Azuis acordaron poñer en marcha un proxecto común para revitalizar a rede e converter estes itinerarios, que unen praias e portos con bandeira azul, nun importante elemento de cooperación e atracción turística. A institución provincial, que disporá dunha partida inicial de 60.000 euros para as primeiras actuacións, asinará antes do 31 de decembro un convenio marco coparticipado con cada un dos nove municipios, co fin de desenvolver primeiras actuacións concretas de sinalización, mobiliario, mantemento e promoción.
Na reunión deste mércores, á que asistiron alcaldes e representantes de todos os concellos adheridos á rede, tamén se avanzou que o proxecto terá un percorrido a medio e longo prazo, xa que en 2016, coa unión de todos os municipios, a Deputación concorrerá a fondos europeos para desenvolver este plan de traballo de forma máis ambiciosa. Un deles é o LIFE, un programa europeo cunha liña de financiamento para a mellora ambiental e a recuperación da biodiversidade.
A presidenta, Carmela Silva, sinalou que “as sinerxías e o traballo conxunto cos concellos naquilo que nos identifica faranos moito máis fortes e este proxecto o é. Trátase de cambiar o modelo, tamén nisto, para que, no canto de que cada municipio aposte só polo que ten, fagamos unha aposta común”. Silva engadiu que a posta en valor desta rede ten o obxectivo transversal de convertela noutro factor de importancia “para que todos os cidadáns que nos visiten saiban que aquí temos valores ambientais moi relevantes e que se atopan en diferentes concellos da provincia”.
Tanto a presidenta da Deputación coma o deputado de Cooperación, David Regades, agradeceron a inmediata disposición dos concellos integrados na Rede de Sendeiros Azuis: Cangas, Bueu, A Illa de Arousa, A Guarda, Vigo, Nigrán, Baiona e Sanxenxo; tamén Ponte Caldelas, concello que está a tramitar a súa candidatura para optar a esta distinción.
Os sendeiros azuis son itinerarios e elementos paisaxísticos que unen praias ou portos con bandeira azul e contribúen ao uso sustentable do litoral, teñen unha función social e constitúen elementos vertebradores para o desenvolvemento, a saúde e o benestar do conxunto da sociedade.











