Deputación de Lugo e APEC presentan o programa Reacciona2020

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, presentou esta mañá as liñas de acción do Programa de impulso á rehabilitación Enerxética e Sostible de Vivendas na provincia de Lugo, e as principais accións realizadas dende a súa posta en marcha. A Deputación destina a este programa un total de 357.200 euros (un 90% do orzamento total, 396.900 euros), mediante un convenio coa Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Lugo (APEC), que pon o 10% do importe. Esta é a primeira vez que unha Administración galega leva a cabo este tipo de iniciativa.

O Programa ten como obxectivo poñer en práctica medidas que fomenten a xeración de emprego no eido da rehabilitación de vivendas baixo criterios de eficiencia enerxética, xa que as vivendas deben ser adaptadas aos criterios de sostenibilidade enerxética fixados por Europa, que esixirá que a partir do ano 2020, todos os edificios construídos deben ser de consumo practicamente nulo. Para tal fin prevese, entre outras accións, o impulso de formación especializada, o asesoramento técnico e a información e concienciación dos particulares. Ademais ponse a disposición dos Concellos unha Oficina Técnica móbil e un estudo detallado do parque de vivendas dos seus respectivos municipios. Campos sinalou que “o sector estase a converter nun nicho de mercado moi importante e que debemos saber aproveitar na nosa provincia”.

Formación e sensibilización

O programa, cuia denominación xenérica é Reacciona 2020, conta con catro liñas de actuación. A primeira, denominada proxecto Reacciona, está enfocada aos particulares e busca difundir e sensibilizar á sociedade sobre a necesidade de cumprir cos obxectivos 20/20/20 (fixados pola UE e que pretenden redudir un 20% o consumo enerxético, aumentar un 20% o uso de enerxías renovables e diminuír un 20% as emisións de CO2) e as vantaxes que supón realizar unha rehabilitación dos edificios seguindo criterios enerxéticos. Para elo está xa funcionando a páxina web www.reacciona2020.com, así como una liña de atención telefónica 900 103 384 e un correo electrónico de consulta info@reacciona2020.com. Na cidade de Lugo hai una Oficina Técnica onde profesionais de APEC ofrecen asesoramento en materia de sistemas de eficiencia enerxética e financiamento (Praza do Campo, 2-3) e tamén está preparada una unidade móbil que se desprazará aos concellos que o soliciten.

O segundo piar é o proxecto Reenfócate, que busca axudar ás 887 empresas do sector asociadas, que contan cunha media de tres traballadores de baixa cualificación, de aí a importancia da especialización mediante a formación. Reenfócate ten como obxectivo dar soporte técnico, actualización sobre novos produtos no mercado da rehabilitación enerxética e novas solucións construtivas adecuadas ás demandas do mercado, así como dar a coñecer a mellora que supón nas condicións de habitabilidade e redución de consumos enerxéticos.

A terceira liña de acción, destinada tamén aos profesionais do sector, é o proxecto Reconstrúe, que ten como obxectivo difundir a oportunidade de negocio que supón o mercado das rehabilitacións enerxéticas nunha provincia que conta con 120.000 edificacións adicadas a vivenda segundo datos do Catastro. Ao tempo tamén se busca concienciar aos traballadores sobre a necesidade de actualizar as súas competencias en materia enerxética.

Dentro desta liña atópase tamén a realización dun estudo detallado do parque de vivendas da provincia. Unha ferramenta viva que que permitirá aos Concellos ter una referencia práctica para asesorar e facer cumprir a lexislación.

E por último, o proxecto Rehabilítate ten como obxectivo proporcionar formación aos traballadores co fin de actualizar as súas competencias profesionais en materia de rehabilitación e eficiencia enerxética. As materias que se ofertarán ata maio de 2016 son: colocación de Illantes -destinado a instaladores-, Parámetros económicos que determinan a rendibilidade das actuacións de eficiencia enerxética en edificación -destinado a técnicos-, Instalacións xeotérmicas e Biomasa, entre outros. En total serán 7.500 horas impartidas. “Trátase duns cursos de grande calidade que é difícil que se poidan realizar por outras vías”, tal como sinalou Jesús Bargados, técnico de APEC.

Unha oportunidade para reactivar a economía local

O Programa foi presentado ante os alcaldes da provincia, aos que o Presidente da Deputación animou a sacar proveito da iniciativa, que poñerá á disposición dos Concellos que o requiran unha oficina técnica móbil para asesorar aos veciños que interesados en realizar una rehabilitación. “O programa impulsará a modernización e a reactivación da actividade de moitas empresas e autónomos dos municipios, revertendo así na economía local e beneficiando ao conxunto da sociedade e ao atractivo dos núcleos urbanos e rurais”, sinalou Campos.

Pola súa banda, Hipólito Trinidad, Presidente da APEC, agradeceu o respaldo da Deputación de Lugo á hora de facer posible o impulso á rehabilitación de vivendas mediante un programa que considera “de máxima importancia” nun sector “chave para a sociedade por multitude de motivos”, entre os que destacou os beneficios de contar cun entorno urbano rehabilitado de cara ao turismo, sobre todo en canto ao patrimonio histórico; así como o impacto da rehabilitación na xeración e mantemento do emprego, na calidade de vida das persoas e na creación dun modelo de sociedade máis sostible.

Tamén a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, agradeceu ao Presidente a posta en marcha do programa Reacciona2020 e destacou a súa importancia para a revalorización dos inmobles, que permitirá “combater o feísmo e o abandono do rural”. Tamén explicou que durante esta lexislatura, o Concello de Lugo puxo en marcha una Concellería de Desenvolvemento Sostible, que xunta as políticas de medio ambiente e de urbanismo.

15 de decembro de 2015 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.