Deputación da Coruña, La Voz de Galicia e o arqueólogo José María Bello reciben os premios Dolmen de Dombate 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Centro Arqueolóxico de Dombate acolleu este mediodía o acto de entrega dos premios “Dolmen de Dombate”, outorgados polo Concello de Cabana de Bergantiños a persoas e institucións que contribuíron na recuperación e posta en valor deste monumento megalítico. Nesta primeira edición os galardoados foron a Deputación da Coruña, o diario La Voz de Galicia e o arqueólogo José María Bello, que recibiron como premio unha réplica en bronce do megalito de mans do alcalde da localidade, José Muiño.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que recibiu o premio en nome da institución provincial coruñesa, afirmou que o dolmen “é un dos principais activos patrimoniais históricos da Deputación” e destacou o traballo realizado polos distintos gobernos provinciais para recuperar e pór en valor o monumento megalítico.

González Formoso destacou “a importante labor de conservación e promoción do patrimonio histórico” que desenvolve a institución provincial coruñesa, destinando a este fin importantes recursos económicos que considerou “investimento, non gasto”, xa que o dolmen contribúe á dinamización cultural, turística e económica da comarca, como demostran os máis de 30.200 o visitantes que este ano visitaron o centro arqueolóxico de Borneiro, no que a Deputación investiu máis de 2 millóns de euros.

Pola súa banda, o director de La Voz de Galicia, Xosé Luis Vilela, recibiu o galardón correspondente ao diario e gabou o traballo realizado polas administracións, a prensa local e os arqueólogos para recuperar esta “xoia do megalitismo” que conta con máis de 6.000 anos de historia. “Tanto pasado ten, tanto futuro deberíamos darle”, afirmou Vilela, que apostou por “poñelo en valor internacional” xunto con outros referentes monumentais e patrimoniais de Galicia como a Torre de Hércules ou o Camiño de Santiago.

O arqueólogo Xosé María Bello, cuxo nome estará sempre ligado ao de Dombate como director das distintas excavacións que tiveron lugar no dolmen afirmou que o traballo realizado no mesmo “compensa toda unha vida profesional” e lembrou que a súa recuperación “foi unha cuestión colectiva” na que se implicaron numerosas persoas e entidades.

Bello considerou que Dombate “é fundamental para o megalitismo galego” e apostou por situalo “na escea internacional”.

23 de decembro de 2015 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.