Cuíña considera unha mofa aos gandeiros a visita da Ministra de Agricultura a Lalín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, considera que “a visita ao noso concello da ministra de Agricultura para participar nun acto do PP con gandeiros é unha auténtica mofa a todos os produtores lácteos que continúan nunha situación límite”. O rexedor dixo estar “estupefacto” ante o “descaro” de Isabel García Tejerina e do Partido Popular, “que non teñen reparo algún en ignorar por completo as demandas dos gandeiros e obviar a busca de solucións á crise, para despois acudir co único fin de pedirlles o voto para quen, ao mesmo tempo, os mantén na ruína”.

“Sabemos que o cinismo e a desfachatez do PP non coñece límites á hora de conseguir réditos electorais, pero para o Goberno de Lalín o acto de hoxe é un auténtico insulto”, continuou Cuíña. “Xa quixeramos ver a Tejerina defendendo ao sector e dando a cara polos produtores como fixeron o Goberno e a cidadanía de Lalín, e non agora que vén co obxectivo exclusivo de facer campaña electoral”. 

“Hai que estar coa xente que o necesita cando verdadeiramente o precisa e non só cando hai que pedir o voto como fai o Partido Popular sen disimulo”, lamentou Rafael Cuíña. Nesta liña, o rexedor lembra que “é este Goberno municipal o que está sacando ao rural de Lalín do abandono no que o deixou o equipo de José Crespo, mentres os populares seguen completamente desaparecidos das nosas parroquias e aldeas”. 

Para finalizar, o alcalde quixo facer fincapé en que o Goberno continua totalmente comprometido co sector lácteo, “polo que sempre dará a cara”. “Imos estar continuamente ao lado dos gandeiros, ás duras e ás maduras, porque somos moi conscientes de que os ridículos prezos do leite nos prexudican a todos, pero sobre todo a nós, aos habitantes dunha comarca como a do Deza que vive en gran parte do agro e do esforzo da súa xente”, explicou Rafael Cuíña antes de rematar dicindo que “son moitas familias as que dependen na nosa zona do sector lácteo e  son moitos os comercios que dependen de que lle vaia ben aos nosos gandeiros”.

7 de decembro de 2015 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.