Cruz Vermella trasladará na Coruña a persoas con mobilidade reducida ás mesas electorais o 20D
Cruz Vermella porá o servizo de transporte adaptado a disposición das persoas con problemas de mobilidade durante a xornada electoral do próximo 20 de decembro. Pódese solicitar este servizo contactando con Cruz Vermella no teléfono 981 221 000 (extensión 38020) até as 18 horas do próximo xoves 17 de decembro.
Cruz Vermella realiza este servizo para que as persoas con problemas de mobilidade, que se despracen en cadeiras de rodas ou que non poidan facer uso doutro tipo de transporte, poidan exercer o seu dereito ao voto. Os vehículos de transporte adaptado de Cruz Vermella están dotados de plataformas elevadoras e ancoraxes para cadeiras de rodas.
Todas aquelas persoas que queiran dispor do servizo deberán chamar para reservar a súa praza xa que se irán concedendo até completar as prazas dispoñibles nos vehículos adaptados. Posteriormente, Cruz Vermella deseñará o percorrido dos vehículos e comunicaralle a cada persoa a hora á que a recollerán no seu domicilio para trasladala ao colexio electoral correspondente no horario de 10 a 14 horas.
Ademais de na Coruña, Cruz Vermella tamén levará a cabo o servizo en Santiago de Compostela, Ferrol e Noia.











