publicidade hoxe

Cores Tourís visita a nova queixería de Castro Xaneiro instalada na Cañiza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Cañiza
A-
A+
Cores Tourís na visita á queixería

Cores Tourís na visita á queixería

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a empresa Castro Xaneiro S. C., situada en el polígono do Campo da Feira da Cañiza, en compañía do alcalde, Miguel Adolfo Domínguez, e que contou cunha axuda da Xunta a través do GDR Condado-Paradanta mediante a cal puido investir case 25.000 euros na adquisición de maquinaria para instalación desta nova queixería.

Na visita, o delegado territorial estivo tamén acompañado polo xefe territorial de Medio Rural, Miguel Pérez Dubois, así como por responsables do GDR.

Cores Tourís puido comprobar así o investimento realizado nesta nave da Cañiza, na que se investiron 67.338 euros, dos cales o 47,50% foron aportados a través do programa Leader Condado-Paradanta 2007-2015. Deste xeito, levouse a cabo un proxecto innovador que permitirá, a partir de finais do próximo mes de xaneiro, a elaboración de queixo natural de forma artesanal e que será distribuído a tendas e mercados.

“Nestes intres”, segundo apuntou o alcalde da localidade, “non existe ningunha fábrica similar na comarca dedicada a elaboración de queixos naturais o que supón un orgullo para nós. Ademais, estamos a falar dunha empresa posta en marcha por dous mozos do municipio, un deles menor de 35 anos, aos que hai que felicitar pola súa iniciativa”.

De feito, un dos representantes da empresa, Santiago Castro, destacou que o queixo realizarase tanto con leite de vaca coma de cabra, comprándoa directamente a gandeiros e cabreiros da comarca. Aínda que inicialmente traballarán dúas persoas na nave, o obxectivo que manexan é chegar aos 6 traballadores a medio prazo. “Á semana destinaremos uns 5.000 libros á fabricación dos queixos, ata ir pouco a pouco introducindo os nosos produtos e atopando o que ten maior aceptación”, engadiu Castro, quen tamén quixo ter palabras de agradecemento tanto para o GDR como para o alcalde da Cañiza, “porque nos axudaron moito e nos deron moitas facilidades. Queríamos crear aquí a nosa firma porque esta localidade é ideal para a elaboración do queixo, dado o seu clima e altura”.

Case 80 solicitudes de axudas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, aproveitou a visita a esta empresa para destacar os 2,6 millóns de euros destinados a través do programa Leader xestionado polo GDR Condado-Paradanta, destinados a case 80 solicitudes que supuxeron un investimento global de 7, millóns de euros. Estes proxectos supuxeron a creación e mantemento de 207 postos de traballo que se manterán durante 5 anos segundo a normativa do programa, 42 de nova creación.

O enfoque Leader persegue unha aplicación do desenvolvemento rural baseado principalmente na participación da propia poboación do territorio, integrando todos os recursos e actores económicos e humanos que na comarca de actuación existan.

Para asegurar esa participación creáronse os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), entidades sen ánimo de lucro, con socios públicos e privados que seleccionan os proxectos que lles permiten levar a cabo a súa estratexia de desenvolvemento. Os proxectos soen ser de natureza produtiva, orientados a xeración de emprego e riqueza, ou non produtivos, que perseguen a dotación de servizos e equipamentos.

17 de decembro de 2015 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.