Cores Tourís informa á D.O. Rías Baixas das novas liñas de axuda para a promoción do sector vitivinícola

Cores Tourís na visita á sede da D.O. Rías Baixas
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a sede da Denominación de Orixe Rías Baixas co obxectivo de informar ó Consello das novas liñas de axuda da administración autonómica para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países.
Segundo lle trasladou o delegado territorial ao secretario xeral do Consello Regulador, Ramón Huidobro, a Xunta de Galicia acaba de publicar a nova liña de axudas no Diario Oficial de Galicia. Esta convocatoria conta cun orzamento bianual de 3,7 millóns de euros e beneficiará a empresas vitivinícolas, así como a organizacións de produtores e asociacións e organizacións interprofesionais que teñan entre os seus fins o desenvolvemento de iniciativas en materia de promoción e comercialización do viño.
Ademais, tamén poderán verse beneficiados destas axudas os órganos de xestión das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas vínicas, así como as cooperativa de segundo ou ulterior grao que comercializan viños elaborados polas ´suas adegas cooperativas asociadas e as entidades asociativas sen ánimo de lucro participadas exclusivamente por empresas do sector vitivinícola que teñan entre os seus fins a promoción exterior dos viños.
Poden ser obxecto destas accións os viños, os licores, os espumosos, viño de uvas pasificadas, sobremaduradas e os viños ecolóxicos, sempre que sexan con denominación de orixe protexida, con indicación xeográfica protexida ou que se indique a variedade de uva de vinificación.
Aínda que todos os terceiros países valen para a promoción, son prioritarios Alxeria, Australia, Brasil, China, Corea do Sur, Estados Unidos, India, Indonesia, Xapón, Marrocos, México, Rusia, Singapur, Sudáfrica, Turquía e os países do Golfo.
Outros países con interese son Suiza, Tailandia, Ucraina, Vietnam, os de Centroamérica e América do Sur, Canadá, Cuba, Filipinas e Noruega.
A convocatoria estará aberta ata o 18 de xaneiro de 2016 e entre as accións que subvencionarán se atopan as misións comerciais, as campañas publicitarias, as promocións en punto de venda, portais web, misións inversas, oficinas de información, gabinete de prensa e presentacións de produto. Tamén a asistencia á feiras, encontros empresariais, xornadas, seminarios e catas, así como a realización de estudos e informes de mercado, de resultados das medidas de promoción e auditorías de execución de medidas e gastos das operacións.
Apoio á denominación de orixe Rías Baixas
O delegado territorial aproveitou a presentación desta nova liña de axudas para recordar o apoio que a administración autonómica está a levar a cabo nos últimos anos ás indicacións xeográficas protexidas e denominacións de orixen.
Deste xeito, en concreto, cabe destacar as axudas á industrialización e comercialización, que dende 2009 roldaron os 10 millóns de euros, así como as subvencións para a promoción en terceiros paises, que supera dende esa data os 7,3 millóns de euros, destinándose a viticultores outros 7 millóns de euros que permitiron a reconversión de 1.200 hectáreas.
A denominación de orixe Rías Baixas conta con cinco subzonas: Val do Salnés, O Rosal, Codado do Tea, Soutomaior e Ribeira do Ulla. En total, está conformada por 6.031 viticultores e 22.678 parcelas nunha extensión global de 4.027 hectáreas.
Destaca a súa excelente evolución, pasando de 492 membros en 1987 aos actuais 6.031 e de 14 bodegas a 180. En 1988 as exportacións supoñían 420 hl mentres que na actualidade roldan os 54.000, sendo o Europa e o continente americano (en especial EEUU, México, Puerto Rico e Canadá) os principais mercados, xunto a Xapón, Australia e os Emiratos Árabes, superando na actualidade os 5 millóns de litros, o que se traduce en 26 millóns de euros.
Ramón Huidobro agradeceu ao delegado territorial a visita ao Consello Regulador e anunciou que volverán a solicitar a liña de axudas da Consellería de Medio Rural. “En 2014/15 obtivemos unha axuda de 178.000 euros, no 2015/16 de 215.000 euros, e volveremos a optar a estas subvencións para esta liña que se acaba de abrir de cara ao 2016/17 xa que temos previsto un investimento de 470.000 euros especialmente en Xapón, México e USA”.
De feito, o secretario xeral da D.O. destacou que “un dos nosos maiores éxitos está a ser apoiar aos nosos viticultores e adegas na exportación. De feito, máis da metade das adegas xa están nos plans de exportación”. Huidobro insistiu en que, aínda que México, USA e Xapón son os principais destinos dos viños Rías Baixas, están a traballar para a ampliación de mercados noutros países, tanto en Europa coma en Latinoamérica, en Asia e Oceanía.











