publicidade hoxe

Cores Tourís anuncia a licitación da senda-bici do Terrón en Vilanova de Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilanova de Arousa
A-
A+
Cores Tourís en Vilanova de Arousa

Cores Tourís en Vilanova de Arousa

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Vilanova para anunciarlle ao alcalde da localidade, Gonzalo Durán, a licitación da obra de execución da senda-bici no Terrón, contemplado dentro da Estratexia de Mobilidade Sostible que manexa a administración autonómica.

Nesta visita, o delegado territorial da Xunta estivo acompañado polo xefe territorial de Infraestruturas e Vivenda, José Luis Díez, así como polo xefe do Servizo da Axencia Galega de Infraestruturas de Pontevedra, Fausto Núñez.

Tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, a administración autonómica licitou a execución dunha senda con carril bici adxacente á estrada autonómica PO-306, na súa marxe dereita, no treito que conecta o paseo litoral de Vilanova de Arousa coa Illa de Arousa, para o cal será necesaria a ampliación do voadizo do taboleiro da ponte do Terrón.

O trazado do proxecto, que conta cunha lonxitude de un quilómetro e medio, contempla tres trazados, un urbano que é continuación do paseo litoral de Vilanova de Arousa. Neste tramo, de 245 metros lineais, o carril bici contará cun ancho de entre 3,40 e 3 metros.

Posteriormente, a senda continuará na ponte do Terrón ao longo de 475 metros cun carril bici de 2,70 metros de ancho. Para a execución desta fase haberá que anchear o voadizo da ponte na marxe dereita en 1,15 metros ao longo de 220 metros.

Finalmete, o terceiro tramo terá un carril bici de 3 metros e ancho, cunha gabia de seguridade de 1,25 metros que se interporá entre a pista bici e a beirarrúa. A lonxitude desta última fase será de 950 metros.

As actuacións no implican a realización de expropiación algunha, xa que todas as obras se executarán dentro da franxa de dominio público. Os traballos terá así un orzamento de 720.509 euros.

A execución desta senda-bici atópase contemplada dentro da Estratexia de Mobilidade Sostible que manexa a administración autonómica que, tal e como explicou o delegado territorial, “ten coma obxectivo o fomento do emprego da bicicleta, xunto ao desprazamento a pé, como modo de transporte habitual en Galicia”.

A elección deste tramo en Vilanova de Arousa débese a que encaixa dentro dos criterios de selección de zonas de actuacións, tanto pola localización, nunha estrada autonómica, como pola intensidade media diaria de vehículos, o número de veciños da poboación e a súa integración ambiental.

Deste xeito, a PO-306 pertence a rede autonómica de estradas e a senda ciclista e peonil proxectada permitirá unir un núcleo de poboación importante como é Vilanova de Arousa coas infraestruturas de servizos e zonas de atracción turística como son as praias, campings e zonas deportivas. Trátase, ademais, dun percorrido moi plano na súa meirande parte e axudará a garantir a seguridade viaria dos peóns que, habitualmente, utilizan esta estrada para desprazarse.

“Incidir en que se actuará neste tramo coa finalidade de integrar nun entorno de gran valor natural un itinerario multimodal para ciclistas e peóns, que axude a diminuír o tráfico local de turismos de curto e longo percorrido durante todo o ano e, en especial, reducir o uso do coche nos meses estivais, cando o volume do tráfico é maior e as condicións meteorolóxicas facilitan o desprazamento a pe ou en bicicleta, unindo os concellos de Vilanova e A Illa”, rematou o delegado territorial.

18 de decembro de 2015 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.