Cores Tourís analiza as melloras executadas na praza de abastos de Arbo
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores, visitou esta mañá a praza de abastos de Arbo, invitado polo alcalde da localidade, Horacio Gil, co obxectivo de analizar cos usuarios as melloras executadas neste mercado.
Trátase dunha infraestrutura clave para a dinamización do comercio de proximidade local que foi modernizada e remodelada polo Concello a través dun investimento no que a Consellería de Economía e Industria aportou, a través dunha subvención, o 70%.
Durante a visita, o responsable territorial e o alcalde, analizaron o estado da praza de abastos en compaña do xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial Santomé.
Entre as actuacións executadas atópanse a demolición dos postos existentes e instalación duns novos de aceiro inoxidable con fregadeiros especiais para peixe, a retirada das barras de aceiro nestas zonas e o picado do piso da zona central. Instalouse un novo piso de formigón con tratamento antiesvarante, e no tellado aplicouse un tratamento illante así como un novo falso teito desmontable, cunha canaleta empotrada en chan de praza para a recollida de augas e reixa galvanizada.
As obras permitiron tamén a limpeza da fachada do edificio con hidrolimpiadora para a súa revitalización e o pintado e a instalación de novas letras de “Mercado Municipal”. A maiores, tamén se instalou un cartel co novo logo corporativo da praza.
Finalmente, instalouse unha rede de fontanería nova para novos postos centrais, nova iluminación de tipo led e de emerxencia, e instalacións de carteis de sinalización en linguaxe Braille e alfanuméricos.
Durante a visita, o delegado territorial mantivo un encontro cos usuarios da praza, tanto de froitería, como de pescadería, carnicería e alimentación, que lle trasladaron a súa satisfacción pola mellora das instalacións.
Cores Tourís recordou que a Consellería de Economía e Industria, que ten no impulso ao sector comercial un dos seus principais eixos de actuación, concedeu este ano apoios á realización de melloras nas prazas de abastos e mercados tradicionais en 29 concellos da provincia de Pontevedra, mediante un programa específico cofinanciado con fondos Feder.
Os concellos que realicen melloras nas prazas deberon ademais poñer en marcha iniciativas dirixidas ao mentoring comercial para os praceiros, encamiñadas a aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente. Como novidade este ano, primáronse as iniciativas que inclúen a apertura dos mercados en horario de tarde ou a incorporación de aparcadoiros.
Estes apoios enmárcanse no novo Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.