Convócase o XX Concurso de Beléns Públicos que repartirá 3.000 euros en premios este Nadal
A Concellería de Cultura, en colaboración coa asociación de Belenistas de Ourense, vén de convocar a viséxima edición do seu Concurso de Beléns Públicos, e que repartirá 2.870 euros en premios. O concurso está aberto para todas as asociacións veciñais, culturais, agrupacións, colexios e particulares pertencentes ao Concello de Ourense, e a inscrición poderá facerse até o vindeiro 11 de decembro a través do enderezo electrónico cultura[arroba]ourense.gal ou no teléfono 988.391.290.
As bases aprobadas polo departamento de Belén Iglesias establecen que os beléns deben estar á vista ou abertos ao público en escaparates, vitrinas ou mostradores. En lugares de difícil acceso público, caso de colexios, residencias ou particulares, deberán estar abertos ao público, polo menos, dúas horas ao día dentro do horario comercial. Así mesmo, deberán estar ben sinalizados cun cartel no exterior do edificio.
Cinco persoas serán as que conformen o xurado, valorando os materiais e os efectos de luz, auga e outras creacións en función do seu valor artístico, histórico ou relixioso. Primaranse, iso si, os beléns de nova elaboración sobre os que son fixos nun espazo ou os que simplemente redistribúan elementos empregados en anos anteriores.
Este xurado visitará os beléns inscritos os días 16 e 17 de decembro para a súa cualificación, e a súa decisión será pública e inapelable. Os premios, que se darán a coñecer o 15 de xaneiro, repartiranse do seguinte xeito: 600€ de primeiro premio, sendo o segundo e o terceiro de 400 € e 250 € respectivamente, tres premios escolares de 200 € (para Infantil, Primaria e Secundaria), seis accésit de 120 e cada un e un premio especial de 300 € ao máis creativo e innovador dos beléns.











