Convócase en Ourense o primeiro concurso de fotografía “Mascotas adoptadas responsablemente”
O Concello de Ourense convoca o primeiro concurso de fotografía “Mascotas adoptadas responsablemente”. Esta actividade forma parte da campaña de sensibilización posta en marcha polo Concello de Ourense para concienciar sobre a adopción responsable de mascotas, tendo en conta a época de agasallos tan importante que é o Nadal, lembrando dende o Concello que as mascotas non son xoguetes, son un compromiso para toda a vida. As bases deste novidoso certame están publicadas dende o sábado no Boletín Oficial da Provincia e podertá participar calquera persoa maior de 18 anos que adoptase un animal no albergue municipal. O prazo de admisión de orixinais remata o vindeiro 10 de febreiro. O obxectivo é potenciar e sensibilizar sobre a necesidade de adoptar e mellorar a calidade de vida dos animais.
No que respecta ao certamen fotográfico que se porá en marcha este anopor primeira vez, poderá participar no concurso calquera persoa maior de 18 anos que teña adoptado un can na canceira municipal. As fotografías deben ser orixinais que non estean á espera da decisión do xurado ou resultasen premiadas noutro concurso ou certame fotográfico.
O tema principal será a adopción de mascotas, referíndose a animais adoptados no albergue de animais municipal de Ourense; O obxectivo e potenciar esta actividade para obter maior calidade de vida dos animais.
Cada concursante poderá presentar un máximo de 2 fotografías. As obras deberán entregarse en papel fotográfico sen ningún tipo de montaxe nun formato aproximado de 20x30cm. No dorso de cada fotografía deberá figurar un seudónimo ou lema que será común para as fotografías presentadas por unha mesma autoría. As fotografías non poderán estar asinadas nin ter datos identificativos, agás o seudónimo e o lema
As obras presentadas deberanse achegar tamén en soporte informático (formato TIFF, resolución de 300 ppp, e aconsellable espazo de cor Adobe RGB 1998). O CD deberá estar identificado co mesmo seudónimo o lema que o das fotografías.
Non se aceptarán fotografías realizadas por persoas distintas ao autor ou que non sexan propiedade deste. A/O participante garante e manifesta que é a/o único titular dos dereitos de autor sobre as fotografías que presenta e responsabilízase totalmente de que non existan dereitos de terceiros nas obras presentadas, así como de toda reclamación de terceiros por dereitos de imaxe
As obras remitiranse por correo certificado, por axencia ou en man nun sobre pechado, dentro do cal se incluirán as fotografías, co seu lema, o CD e outro sobre pechado no que deben figurar os seguintes datos:
Nome e apelidos, enderezo, código postal, municipio, provincia, país, telefono/s de contacto, e-mail, fotocopia DNI , declaración asinada do/a autor/a de conformidade coas bases e declaración coa cesión de dereitos de imaxe ao autor/a por parte das persoas fotografadas.
Folla que acredite a adopción do animal na canceira municipal.
O prazo de admisión de solicitudes será de trinta días naturais contados a partires da publicación destas bases no Boletín Oficial da Provincia.
O xurado estará composto pola concelleira de Sanidade en calidade de presidenta, unha secretaria que será empregada da Concellería de Sanidade con voz e voto; Os vocais serán: un profesor de fotografía, designado pola Escola de Artes Aplicadas Antón Faílde; e un membro de PROGAPE.
O xurado poderá resolver as situacións non contempladas na convocatoria, así como aquelas dúbidas que se presenten sobre a súa interpretación sempre que non contradigan o seu contido esencial. Para o correcto funcionamento do xurado será necesario que, cando menos, estean presentes, a presidenta, a/o secretaria/o e un vocal.
Para elixir as fotografías gañadoras o xurado reunirase e tomará a decisión correspondente mantendo o anonimato das fotografías. Unha vez decididas as fotografías gañadoras, o xurado procederá á apertura dos sobres que conteñen os datos persoais.
Excluiranse aquelas fotografías que non reúnan un mínimo imprescindible de calidade ou que poidan resultar ofensivas ou de mal gusto. Tamén se descartarán aquelas fotografías nas que non quede garantido o anonimato ata a resolución do concurso, as que non expresen a cesión de dereitos de autoría e, en xeral, as que supoñan incumprimento destas bases.
Os criterios de valoración do xurado serán a orixinalidade, a creatividade e a calidade fotográfica; así coma a contribución á visibilización da adopción responsable de animais. Da canceira municipal. A decisión do xurado será definitiva e inapelable.
O xurado resérvase o dereito de declarar desertos os premios ou mesmo a decisión de compartir os premios. A decisión do xurado farase pública e seralles notificada de forma oficial ás persoas premiadas. O Concello de Ourense difundirá esta información nos medios de comunicación, na web www.ourense.gal/saude, e a través dos canais que crea conveniente.
No tocante aos premios, serán:
Un Primeiro Premio dotado con 500€
Un Segundo Premio dotado con 200€
Catro Accésits dotados con 70€ cada un
O autor ou autora autorizará gratuíta e expresamente que as fotografías que se presenten a este concurso poidan ser obxecto de exposición pública. Os dereitos de autoría mantéñense. Agora ben, as persoas autoras das fotografías premiadas cederanlles gratuitamente ao Concello de Ourense os dereitos de uso, reprodución, difusión, distribución, publicación transformación, así como calquera outro dereito de explotación que puidese dar lugar, sobre as obras fotográficas, por si ou por terceiros sen limitación de tempo, citando sempre que sexa posible o nome da autoría.











