Continúan as investigacións para tratar de esclarecer a morte da muller de Narón
Axentes da Policía Xudicial, pertencentes á Comisaría da Policía Nacional de Ferrol-Narón, continúan coas pescudas para tratar de esclarecer o crime da veciña de Narón (A Coruña) Caridad P.C., de 79 anos de idade. O seu corpo sen vida e con varias coiteladas foi localizado no mediodía deste martes polo seu marido, no cuarto do domicilio familiar que ambos os dous compartían no número 46 do lugar de Cornido, na parroquia de O Couto.
Segundo fontes policiais consultadas, as investigacións continúan e polo momento non se produciu ningunha detención vinculada con este caso, que causou unha gran conmoción tanto entre os familiares coma entre os veciños da falecida. Os axentes tratan de esclarecer o móbil deste asasinato e apuntan que manteñen todas as posibilidades abertas.
AUTOPSIA E ENTERRO
Tamén a última hora deste martes, dende as 20,00 horas, practicóuselle a autopsia ao corpo sen vida desta naronesa, en dependencias do Hospital Naval de Ferrol. Alí foron trasladados os restos mortais dende o domicilio familiar, tras a autorización por parte do xuíz de garda.
Os resultados da autopsia serán incorporados tamén á investigación para tratar de localizar o autor ou autores deste crime.
A capela ardente quedou instalada a primeira hora da noite no Tanatorio Artabria, no Polígono de A Gándara, de onde partirá a comitiva fúnebre este xoves, día 31, ás 16,00 horas cara ao cemiterio parroquial de Bardaos, no municipio de San Sadurniño (A Coruña).











