Conde sinala que o Hub gasístico é unha porta aberta ao futuro de Ferrolterra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe no Parlamento que o Hub de GNL é “unha porta aberta a un futuro mellor para Ferrolterra e para Galicia”, que se configura como un proxecto estratéxico dentro da política industrial do Goberno galego, e que confire á ría de Ferrol un protagonismo moi importante na innovación e a diversificación do sector naval.

Así, Conde resaltou que Reganosa, Navantia, a Universidade de Santiago, a Autoridade Portuaria de Ferrol e a propia Xunta veñen traballando, no marco do proxecto europeo TEN-T, para facer do Hub a infraestrutura máis importante de distribución de combustible do noroeste peninsular. Unha iniciativa que, segundo explicou, lle outorgará aos estaleiros galegos a oportunidade de construír novos buques, tanto subministradores de GNL como daqueles que empreguen gas natural licuado como combustible; de traballar na reconversión de embarcacións xa construídas para o uso de GNL; e na súa reparación.

Neste sentido, o titular de Economía, Emprego e Industria subliñou que Galicia xa está a aproveitar as oportunidades que ofrece este proxecto, como amosa a colaboración entre Navantia e Reganosa, que está a permitir ao estaleiro ofrecer un servizo de reparación integral dos buques, máis atractivo e competitivo, que unicamente os portos de Singapur e Ferrol ofrecen nestes momento. Ademais, lembrou Conde a área de Reparación de Navantia acada nestes momentos a plena ocupación.

“A ría de Ferrol, con Reganosa á cabeza, está a destacar na promoción do GNL como combustible para flotas marítimas”, apuntou o conselleiro. Por este motivo, explicou, o proxecto europeo TEN-T terá continuidade agora co programa CEF (Connecting Europe Facility), trazando unha folla de ruta para o Hub que inclúe, entre outras medidas, o impulso do Centro de Excelencia, que permitirá formar ao persoal necesario para o desenvolvemento do HUB, así como realizar as accións de promoción e divulgación sobre o uso deste combustible; a conversión da flota pública dependente de salvamento marítimo; a adaptación do amarre actual, outorgando unhas mellores condicións técnicas ao atraque de novos buques; e os traballos preliminares de enxeñería de cara a construción dun novo atraque na terminal da regasificadora de Mugardos.

Neste marco, Conde avogou por aproveitar as posibilidades que ofrece a planificación europea para o período 2015-2024. Unha planificación que, segundo recordou, contempla a construción dun terceiro tanque; un segundo jetty para a planta, que garantirá un subministro continuo; e o novo vaporizador, que permitirá duplicar a capacidade de regasificación da planta de Mugardos. “Así pois, Reganosa ten previsto un investimento de 60 millóns nos próximos cinco anos só para responder ao reto da implantación do GNL como combustible marítimo”, destacou o conselleiro.

2 de decembro de 2015 | 18:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.