Conde destaca o papel da Fundación Luis Tilve na recuperación económica de Galicia

Francisco Conde nos actos conmemorativos. Foto: X. Crespo
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe o papel clave que terá a Fundación Luis Tilve no esforzo de Galicia para aproveitar o novo ciclo económico, abordando novas políticas de impulso á creación de emprego. Conde participou nos actos do 25º aniversario da fundación, posta en marcha pr UGT, e que “xoga un papel fundamental de análise, estudo e proposta sobre o mercado laboral e a economía galegas”.
O conselleiro sinalou que “a historia laboral recente de Galicia non se entende sen o traballo, a participación e o esforzo dos seus membros”, e mostrouse convencido de que a entidade seguirá sendo, durante o próximo cuarto de século, unha “voz de referencia” e “guía no camiño de Galicia cara ao pleno emprego”. Conde gabou o papel da Fundación e UGT como “alicerces do diálogo social, buscando novos camiños aos nosos desafíos socioeconómicos máis importantes”, e subliñou que nese diálogo Goberno e sindicatos comparten un mesmo camiño: mellorar as condicións laborais dos traballadores nunha época de recuperación económica, contribuíndo a unha renovada competitividade da economía a través da innovación.
Porque, resaltou o conselleiro, a innovación e a formación son fundamentais para que a forza laboral galega faga fronte aos cambios que se aveciñan non só na industria, coa chegada da fábrica intelixente que abre a porta a unha renovación industrial na nosa comunidade, senón no resto da economía, debido a tecnoloxías disruptivas como o big data ou a nanotecnoloxía. Neste senso, resaltou que o papel da Fundación Luis Tilve, aportando diagnósticos do mercado laboral e a economía e a elaboración de estratexias de creación e mellora no emprego, a partir duns “valores que a enraizaron como parte da sociedade galega, os que durante estes 25 anos”.
Conde defendeu as estratexias transversais que impliquen a todos os axentes sociais como ferramentas para abordar esa creación de emprego de calidade, e neste senso subliñou a importancia da Axenda de Emprego, que o Goberno galego activará en xaneiro integrada coas políticas económicas de industrialización, innovación e internacionalización.
A Axenda porá o foco sobre a formación e a capacitación, sobre a calidade e igualdade, o estímulo do emprendemento, o reforzo dos servizos públicos, e sobre o emprego xerado pola nova revolución industrial asociada á fábrica intelixente. No marco desta axenda, resaltou Conde, a Xunta convocará a Mesa do Autónomo, e elaborará unha nova Estratexia de formación profesional para o emprego, buscando capacitar aos profesionais galegos para unha contorna laboral cambiante.











