Conde destaca o compromiso de Modesto Carrodeguas co mantemento da actividade e a xeración de emprego na comarca de Ortegal

Francisco Conde no encontro con responsables de Modesto Carrodeguas
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro con responsables da empresa Modesto Carrodeguas no que se avaliaron as últimas actuacións da conserveira levadas a cabo co obxectivo de reforzar o seu papel como xeradora de emprego e riqueza na comarca de Ortegal.
Neste sentido, o conselleiro salientou o esforzo e o compromiso da compañía, que ten contado co respaldo do Goberno galego, por continuar a súa actividade, o que contribúe dun xeito moi importante ao sostemento do emprego en Cariño.
Non en van, a empresa, creada en 1980 e dedicada á elaboración de conservas de pescado, marisco e derivados, conta cunha gran relevancia social configurándose como un dos motores de crecemento da comarca ao sumar máis dun centenar de postos de traballo.
Neste marco, os socios de Modesto Carrodeguas veñen de subscribir unha ampliación de capital que garante o seu desempeño e viabilidade. Grazas ao novo financiamento, ademais de ao reforzo dos recursos propios, á refinanciamento de pasivos e ao financiamento de circulante, para o que contaron co apoio do Igape, a empresa ten retomado a actividade avanzando na xeración de emprego.
O titular de Economía, Emprego e Industria sinalou que o esforzo das partes implicadas ten permitido acadar un acordo que asegura o futuro dunha das empresas máis antigas da industria conserveira do noso país. Un sector que supón hoxe en día o 6,5% do emprego industrial da Comunidade e o 2,8% do PIB, facendo de Galicia á principal exportadora de produtos do mar en España cun 80% do total.











