Conde destaca en Lugo os plans integrais de emprego para mellorar a inserción laboral dos colectivos máis vulnerables

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe os Plans Integrais de Emprego postos en marcha pola Xunta como clave para mellorar a inserción laboral dos colectivos máis vulnerables respondendo ás necesidades do tecido empresarial da provincia. Conde mantivo un encontro cos alumnos do Plan Integral de Emprego Discapacidade e Mocidade de Lugo, que a Xunta ten posto en marcha en colaboración coa Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e que busca impulsar entre os 80 alumnos que participan nel o acceso a un emprego de calidade no sector hostaleiro, facendo ademais máis competitivo o sector en na provincia lucense.

“Estamos a integrar as políticas activas de emprego dentro das políticas económicas e industriais, poñendo en marcha estratexias de formación que dean resposta ás necesidades do tecido produtivo”, dixo o conselleiro, que resaltou neste senso a aposta pola formación e a inserción “facendo un especial fincapé nos colectivos máis vulnerables”, como os discapacitados, os mozos, ou os parados de longa duración.

“Queremos darlle todas as oportunidades aos participantes para a súa integración do mercado laboral”, dixo Conde, de forma que os participantes respondan ás necesidades da hostalería lucense e contribúan á súa dinamización. O obxectivo inicial do Plan Integral de Emprego Discapacidade e Mocidade de Lugo está fixado nun mínimo de 36 novos empregos. Para acadar esa meta, o curso formará aos alumnos lucenses en eidos como a atención ao cliente, desde a imaxe e comunicación ata a xestión de conflitos, a alfabetización informática, a manipulación e hixiene alimentaria, os primeiros auxilios, ou a prevención de riscos laborais.

Ademais, e no marco do plan, a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería prevé atender a unhas 200 persoas ás que se prestarán servizos de intermediación e de asesoramento para a procura dun emprego, polo que o impacto desta iniciativa será aínda maior.

Este plan forma parte dos 21 postos en marcha pola Xunta este ano, que suman 1.500 alumnos que se benefician de formación especializada e transversal con información, orientación, asesoramento, intermediación con empresas, prácticas en compañías e un importante traballo cara a inserción no mercado laboral. “Buscamos que a recuperación se plasme nunha recuperación de emprego que chegue a todas as familias”, dixo Conde.

1 de decembro de 2015 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.