Concello de Ourense e Subdelegación aunan esforzos para establecer medidas conxuntas de seguridade nas festas de Nadal
A Subdelegación do Goberno acolleu a reunión da Xunta Local de Seguridade de Ourense, co-presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro García, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad e na que participaron membros dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e da Policía Local; e como convidado, un representante da AA.VV “Ourense Centro”.
Previa aprobación da acta da Xunta de Seguridade do 30 de xuño de 2015, os representantes das diferentes Forzas e Corpos de Seguridade e Policía Local foron dando conta dos informes en materia de seguridade cidadá e fixeron fincapé na importancia de colaboración entre a Policía Local do Concello de Ourense e as Forzas e Corpos do Seguridade do Estado e as asociacións de veciños.
Os datos expostos amosan un descenso do total das infraccións penais nestes derradeiros seis meses de 2015 con respecto ao mesmo período do ano pasado, sendo este descenso máis acusado no cómputo das faltas detectadas.
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, lembrou que en materia de seguridade cidadá está en marcha o dispositivo especial posto en marcha pola Policía Local, no que se establecerán diversos controis en materia de comercio, locais de ocio e venta ambulante nas rúas, así como de vixiancia de delitos (carteristas, estafas) e actos vandálicos. Ademáis, o alcalde explicou que se intensificarán os controis de Tráfico, no tocante aos accesos á cidade, ao Casco Histórico (zonas peonís) e alcoholemias. Reforzaranse tamén os efectivos de garda durante as noites sinaladas. Por último, se intensificarán os controis en locais de ocio, tanto durante a súa actividade festiva como de carácter previo (antes das celebracións: horario, saídas de emerxencia, licencias, etc).
Tal e como se puxo de manifesto na reunión desta mañá, a eficacia policial segue a medrar na solución de delitos. A incautación de drogas medra en case10 puntos con respecto ás cifras do ano anterior; así como un incremento no número de detidos. Tamén se precisou un aumento notable de persoas identificadas e vehículos revisados por parte da Brigada de Seguridade Cidadá da Policía Nacional e as distintas patrullas da Policía Local de cara a afondar no eido preventivo. Así mesmo, as Forzas e Corpos de Seguridade desenvolveron un total de 160 servizos humanitarios neste segundo semestre: auxilio a persoas maiores que viven solas, persoas eivadas e apoio ao 061.
Outros dos temas que se trataron na Xunta foron a aparición de novas tipoloxías delictivas como: as estafas a través de internet, o sexting; o secuestro virtual e o furto por abrazo.











