Concello da Coruña e ‘Mesa da Ría do Burgo’ pedirán de forma conxunta a ampliación do prazo de exposición pública do proxecto de dragado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Reunión coa Mesa da Ría do Burgo

Reunión coa Mesa da Ría do Burgo

A concelleira de Medio Ambiente, María García, participou na mañá deste luns na reunión da chamada ‘Mesa da Ría do Burgo’ xunto con representantes dos concellos de Culleredo e Oleiros, da Confraría de Pescadores da Coruña e de varias facultades da Universidade da Coruña, un encontro no que todos os participantes acordaron solicitar ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente unha ampliación do prazo de exposición pública do proxecto de dragado que permita unha análise en profundidade das implicacións que suporán os traballos de saneamento para todos os axentes implicados. “Hai que ter en conta que se trata dun proxecto dunha grande complexidade, con moitas facetas que é preciso estudar, e que as datas actuais dificultan esa labor, pola falta de equipos técnicos debido ao Nadal, polo que sería preciso para todas as institucións implicadas alongar ese prazo, como mínimo, ata os dous meses”, considerou a responsable municipal ao remate dunha xuntanza onde non houbo representación nin da Xunta nin do Goberno central.

Como salientou a concelleira, na xuntanza de hoxe á mañá, os e as integrantes da Mesa chegaron tamén ao acordo de poñer en común as alegacións que se presentarán desde os concellos da contorna da Ría do Burgo, a Confraría e a Universidade ao proxecto do Goberno central, despois de ter detectado unha serie de eivas ao proxecto anunciado este mes e o seu estudo de impacto ambiental. Deles, García destacou o “desfase” que existe entre os custos do proxecto –preto de 47 millóns de euros para uns traballos que se proxectan en 21 meses– e o investimento que se recolle nos Orzamentos Xerais do Estado de 2016 –7 millóns de euros en 4 anualidades–. Tamén, na reunión abordouse a necesidade de acentuar as medidas de protección e rexeneración do ecosistema da ría, que a concelleira e o resto de participantes consideran “insuficientes”, e alertouse da imposibilidade de simultanear os traballos de dragado coa extracción de marisco, un feito que, a ollos da responsable municipal, requirirá un apoio ao sector marisqueiro na zona.

A Mesa da Ría do Burgo volverá reunirse a primeiros de xaneiro para continuar co seguimento ao proxecto de saneamento e rexeneración desta área.

21 de decembro de 2015 | 18:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.