Comezan os traballos de instalación de pavimento de caucho reciclado no colexio de Prado

Visita aos traballos
O alcalde de Lalín visitou esta mañá o colexio de Prado. Alí, Rafael Cuíña tivo a oportunidade de comprobar a evolución dos traballos que está a executar a brigada de obras para colocar unha superficie de pavimento de caucho reciclado no patio de colexio. Esta superficie substitúe á que había ata o de agora na zona dos xogos infantís, que era de area. Trátase dunha vella reivindicación da comunidade educativa, á que o Goberno municipal lle deu resposta en tempo récord e sen custe. Os traballos foron realizados pola brigada de obras en menos dunha semana e para o material aproveitouse a goma que se recuperara do andar do parking Europa que fora demolido no seu día.











