publicidade hoxe

Comeza a campaña de recollida de alimentos do programa Mos Axuda con motivo do Nadal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+
Comeza a campaña Mos Axuda

Comeza a campaña Mos Axuda

As concellerías de Participación Cidadá e Política Social, dirixidas polas edís Kely Monzón e Sara Cebreiro, respectivamente, organizan a campaña anual – que se realiza con motivo do Nadal – de recollida de alimentos e que nesta ocasión enmárcase dentro do plan integral Mos Axuda, recentemente posto en marcha.

Esta campaña ten como obxectivo sensibilizar ós veciños coas  familias máis necesitadas do municipio, recollendo entre os primeiros e repartindo entre os segundos alimentos  de primeira necesidade sen esquecer os típicos destas datas. 

Para levalo a cabo, precísase da colaboración de toda a veciñanza, de toda a comunidade educativa, e por suposto de todos os empresarios que desexen sumarse a este proxecto  xa sexan de Mos ou de concellos limítrofes. 

Cóntase coa colaboración de Protección Civil de Mos, de voluntarios e da directiva da Asociación Club de Leones de Mos. 

Zumba 

Os particulares interesados en colaborar coa recollida de alimentos destinados ao proxecto Mos Axuda pódenos depositar no Belén do Pazo de Mos, e se ademais de colaborar con produtos queren tamén pasar un bo rato, divertido e facendo deporte, poden participar na Macro Clase de Zumba Solidaria que terá lugar o vindeiro sábado, 19 de decembro, ás 20.00 horas no Pavillón Óscar Pereiro; e que ten como único requisito a doazón dun alimento de primeira necesidade ou típico do Nadal. 

A recollida de alimentos finalizará o 21 de decembro e o día 23 de decembro procederase á entrega dos alimentos ás familias  necesitadas, na sede da Asociación Club de Leones de Mos. 

Respecto desta iniciativa as concelleiras responsables da mesma, Kely Monzón e Sara Cebreiro, explicaron que “decidimos poñer en marcha novamente esta campaña solidaria tendo en conta o éxito obtido o ano pasado”.E é que gracias a esta iniciativa o Concello de Mos logrou repartir o pasado Nadal un total de 5 toneladas de bocados de felicidade entre os máis necesitados. En decembro de 2014 recaudáronse 5.000 kilos de alimentos destinados a 186 familias mosenses que sumaban un total de 405 persoas.

“Con este programa trátase de garantir as necesidades básicas, en materia de alimentación, (ao longo destas festas), de todas aquelas familias veciñas de Mos con escasos ingresos económicos”, insistiron as edís, que concluíron animando a tódalas persoas solidarias a colaborar con esta iniciativa.

Que é Mos Axuda 

Mos Axuda consiste nun plan no que van da man o Concello cos empresarios, asociacións culturais, deportivas e sociais, Protección Civil e dos voluntarios para implementar as prestacións e Servizos Sociais municipais.

Mediante dito plan poténciase o Programa de Axudas de Emerxencia Social, dotándoo de maiores recursos económicos, así como habilitando unha partida específica para as Axudas de Emerxencia Social da Infancia (lentes, axudas dentais,…).

Ademais, incluído tamén en Mos Axuda, creouse o servizo de Armario e Banco de Alimentos Municipal, brindando deste xeito o apoio ás necesidades sociais e humanas, converténdose este servizo nun referente de axuda ao cidadán en situación de desamparo. Este servizo está moi apoiado na rede solidaria Mos Axuda, ó ser fundamental a colaboración de empresas, entidades/asociacións de carácter local, particulares, etc. 

En conclusión, este plan está baseado fundamentalmente na profunda unión, apoio e colaboración entre Concello, empresarios, asociacións culturais, deportivas e sociais, voluntarios de Protección Civil e voluntarios en xeral en beneficio das persoas máis necesitadas da localidade.

14 de decembro de 2015 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.