Chamamento ao empadroamento para salvar a categoría de Lalín
O Instituto Nacional de Estatística (INE), fixo públicos hoxe os datos do padrón de habitantes pechados a 31 de decembro de 2014. A cifra de habitantes certificada agora dá un total de 20.005 persoas censadas no concello, o que porén garantiu estar dentro da primeira categoría no presente curso, pero non o asegura de cara o ano que vén. Lonxe disto, o dato reflicte a situación límite na que se atopa o rexistro de habitantes, “que no canto de chamar á calma fai que nos preocupemos aínda máis e que sexamos conscientes de que non se pode baixar a garda” dixo o alcalde, Rafael Cuíña. “Como podemos observar, a situación en 2015 salvouse unicamente por 5 persoas. É unha cifra moi baixa, que demostra que estamos no límite: por iso, en vez de confiarnos e ser optimistas, temos que ser moito máis prudentes e seguir traballando para que a xente se conciencie do moito que nos xogamos no caso de non conseguir o obxectivo”, insistiu.
Nestes últimos días a campaña de empadroamento posta en marcha polo Concello intensificouse, levándose a cabo, entre outras accións, contactos persoais puntuais con cidadáns que potencialmente poden ser rexistrados no censo. Así mesmo, o responsable do do Padrón de Habitantes, Hugo Facal, avanzou que o rexistro do concello permanecerá aberto durante o próximo domingo con motivo da xornada electoral, e que polo tanto, se poderá aproveitar este día para realizar novos empadroamentos. Do mesmo modo, de cara a próxima semana, esta previsto que a oficina do rexistro se abra tamén pola tarde coa finalidade de que os cidadáns que non teñen a posibilidade de acudir pola mañá ao concello, poidan facelo en horario vespertino.
O alcalde aproveitou para solicitarlle aos cidadáns do concello “un último esforzo co que darlle o derradeiro impulso á campaña de empadroamento e alcanzar a meta común de salvar a categoría”. Acadar este fin foi unha das prioridades que se marcou o Goberno local tras tomar posesión o pasado mes de xuño. Así, Cuíña aposta por que nos derradeiros días do ano se sigan “máis ca nunca” sumando esforzos para que Lalín permaneza entre os municipios de Galicia con máis de 20.000 habitantes.
“Estamos no momento decisivo e temos que continuar empregando a pedagoxía para tratar de convencer a aqueles, que vivindo en Lalín, aínda non se empadroaron e conciencialos do do importante que é para o conxunto dos cidadáns non perder a categoría”, finalizou o rexedor.











