Carlos Blanco, Daniel González Alén e Salvemos Catasós serán recoñecidos cos premios Lalinenses do Ano 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O xurado dos premios Lalinense do Ano 2015, reunido onte no concello, decidiu recoñecer por unanimidade as traxectorias do deportista Carlos Blanco, do cronista Daniel González Alén, e da plataforma Salvemos as Fragas de Catasós, cos galardóns Lalinense do ano 2015. Blanco obtivo o premio a nivel individual, González Alén na traxectoria de Toda unha Vida e Salvemos Catasós na categoría colectiva. Os premios serán entregados, como vén sendo costume, ao comezo do concerto de fin de ano que ofrecerá a Banda de Lalín o próximo día 26.

Así, o xurado decidiu outorgarlle o premio Lalinense do ano 2015, na categoría individual, á persoa que máis sobresaíu polo seu traballo no ano en curso, ao culturista Carlos Blanco, que recentemente foi proclamado subcampión do mundo de culturismo 2015, e considerando que este éxito é un exemplo de superación e esforzo na loita por acadar un obxectivo. Blanco tamén conta no seu palmarés con varios títulos a nivel nacional e autonómico.

En canto á categoría colectiva, os membros do xurado decidiron recoñecer á Plataforma Salvemos Catasós pola súa labor e a súa loita en prol da preservación das masas arbóreas e medio ambientais de Casas Vellas, no entorno das Fragas de Catasós, que se viron ameazadas polo paso da liña de alta tensión O Irixo- Lalín. O traballo deste grupo é un exemplo de unidade e constancia á hora de sensibilizar á poboación sobre a importancia de conservar os nosos enclaves naturais, ademais de contribuír á impulsar o seu recoñecemento e posta en valor. 

Para finalizar, na sección de premio á traxectoria de toda unha vida, a persoa elixida para o recoñecemento foi o cronista oficial da vila, Daniel González Alén, que ao longo da súa carreira foi relatando e recopilando datos e aspectos da vida diaria e dos costumes de Lalín, salvagardando deste xeito, de maneira inconmensurable, a tradición oral e escrita do concello. 

O xurado estivo presidido polo alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e contou ca presenza do secretario da corporación municipal, César López. Así mesmo, como vocais, formaron parte do tribunal: Daniel González Alén, cronista de Lalín, Manuel Núñez Fiuza, delegado do xornal Lalín e Comarca, Armindo Pájaro, artista plástico, Javier Benito, delegado comarcal de La Voz de Galicia, Amelia Ferreiroa, responsable de Radio Voz Lalín, Gumersindo Portas, Director de Radio Lalín,  Rubén González, en representación do Club Balonmán Lalín, Antonio Rodríguez, presidente da Escudaría Lalín Deza, Ana Pedrouzo, presidenta do Club Hípico Juan Oliveira, Ángeles Baamonde, representante de Aspadeza, Herminia Ruiz, coordinadora de enfermaría do centro de saúde, Rocío Díez, de O Mencer, Luís Fernández Vilela, presidente do Club de Rugby Lalín e José Antonio González “Currás”, en representación da Asociación de hostaleiros Santa Marta. Raquel Torres, da delegación de Diario de Pontevedra, e Xan Salgueiro, delegado comarcal de Faro de Vigo, enviaron as súas propostas aínda que non puideron asistir á xuntanza.

18 de decembro de 2015 | 18:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.