publicidade hoxe

Carballo participa nas II Xornadas sobre Mobilidade Urbana e Seguridade Vial para buscar vilas seguras e sostibles

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+
Milagros Lantes nas xornadas sobre seguridade vial

Milagros Lantes nas xornadas sobre seguridade vial

A Concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, acompañada do Arquitecto municipal, Alfredo Garrote, participa o mércores 9 e o xoves 10 de decembro nas II Xornadas sobre Mobilidade Urbana e Seguridade Vial que se celebran na Casa do Concello de Madrid á que asisten representantes de vilas e cidades de toda España, incluídos varios dos integrantes da rede Cidades que Camiñan da que Carballo xa forma parte. Entre os ponentes, hai que subliñar a presenza de expertos de cidades que teñen mudado o seu concepto de mobilidade, como Pontevedra ou Sevilla; da Dirección Xeral de Tráfico; ou de persoas que teñen posto en marcha distintas solucións para avanzar na mellora da seguridade viaria e na sostenibilidade do transporte, mesmo a través do uso de aplicacións informáticas e co apoio das novas tecnoloxías. Así, entre os temas que se abordarán, falarase sobre a protección dos elementos considerados máis vulnerables nas rúas, como peóns, ciclistas ou motoristas; sobre a accesibilidade universal; sobre a necesidade de marcar límites de velocidade para compatibilizar todos os medios de transporte, nomeadamete tendo en conta o límite de 30 quilómetros por hora; sobre a implementación de desprazamentos sostibles para colexios e centros de ensino, con exemplos como os camiños escolares; sobre sistemas de prevención de colisións; sobre sistemas integrais de transporte público urbano; ou sobre a necesidade de frear o consumo de combustibles contaminantes no transporte.

9 de decembro de 2015 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.