Caballero destaca a estabilidade política de Vigo co orzamento aprobado
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, felicitouse este mércores pola aprobación do orzamento municipal para 2016 (cos votos a favor do PSOE e os votos negativos de PP e Marea), e destacou que este fito pon de relevo a “estabilidade política” na urbe olívica, que se converte “na única cidade importante de España” co orzamento aprobado a estas alturas.
Nunha rolda de prensa posterior á celebración do pleno extraordinario onde se aprobaron as contas, o rexedor destacou que o orzamento pivota sobre dous eixos fundamentais: a política social e o emprego. Así mesmo, destacou que Vigo continuará a súa “transformación” con “investimentos masivos” en obras de humanización e outras dotacións, como as deportivas.
Caballero tamén fixo fincapé en que Vigo é a “a cidade galega con menor presión fiscal” e que ten “débeda cero”. Tamén recalcou que é “a segunda institución pública” no que respecta aos prazos de pago a provedores.
“Estamos a aprobar un espléndido orzamento, o que necesita Vigo”, proclamou, e criticou ao grupo municipal do PP por querer “xerar alarma” ao asegurar que a anulación da PXOM ía afectar ás previsións de ingresos polo IBI.
“DESEXO DE XERAR ALARMA”
Segundo o rexedor, “non é así” porque as previsións de ingreso por ese imposto “están sobre o 93 (en alusión ao plan urbanístico de 1993, que é o que agora está en vigor ao anularse a PXOM de 2008), sempre estiveron sobre o 93”.
“Teñen tanto desexo de xerar alarma que, ao final, cometen erros de vulto. A persoa que alarmou a cidade dicindo que o orzamento se caía, hoxe debería pensar en presentar a súa dimisión”, apuntou Caballero, en referencia á portavoz do PP, Elena Muñoz.
O rexedor volveu a insistir en que a cidade “resolverá problemas que xeran outras administracións”, e confirmou que, en próximos días, continuará a súa rolda de contactos sobre a situación urbanística da cidade, e reunirase con entidades sociais, deportivas e empresarios.











